Mancomún

Jaiku xa é un proxecto de código aberto

Martes, 17 Marzo 2009

En Galiza existen iniciativas moi promotedoras como LAЯETA

JaikuGoogle xa non continuará co desenvolvemento de servizo de microblogueo Jaiku. Así o anunciaron recentemente fontes da empresa, despois de ter constatado a inviabilidade de poder entrar a competir co xa máis que asentado Twitter. Mais o proxecto non desaparecerá sen máis, Google acaba de cedelo ao mundo do software libre, liberando o seu motor, JaikuEngine.

O código fonte atópase dispoñíbel baixo unha licenza Apache License 2.0 en Google Code Project Hosting, o servizo facilitado por Google para o aloxamento de proxectos de código aberto. Deste xeito, calquera persoa pode adaptar o código e facer funcionar o seu propio motor Jaiku no canto do motor Google App.

Posiblemente o abandono de Google neste caso sexa moi clarificador respecto do dominio de Twitter no mercado pero, pola rede, xa se comenta que “quizais a apertura de Jaiku e a súa adopción do modelo de software libre poida facer que esta alternativa gañe novos adeptos”.

LAЯETA, o microblogueo dende Galiza

LaretaLAЯETA é un servizo de microblogueo libre e en galego, de funcionamento semellante aos xa referidos Twiter ou Jaiku. As persoas usuarias envían notiñas curtas (de 140 caracteres) que son redirixidas ás súas amizades e fans empregando a web, RSS ou mensaxería instantánea.

Este servizo foi presentado na edición do Festigal do pasado ano. Naquel momento, o programa atopábase en fase de probas pero actualmente funciona de xeito estábel e conta xa con máis de 500 persoas usuarias, o que permite albiscar un futuro prometedor.

O servizo de LAЯETA funciona sobre o sistema de microblogue Laconica, versión 0.6.4.3, dispoñíbel baixo licenza GNU Affero General Public License.

Fonte: Incognitosis

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal