- A guía, elaborada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, fai fincapé no uso de formatos abertos así como de licenzas Creative Commons nas publicacións da Xunta
- Está dispoñible nas webs de amtega.xunta.es e mancomun.org
- O Goberno autonómico vén impulsando dende o ano 2011 o uso de formatos abertos na presenza na Internet do Sector Público Galego
Tras coñecer a publicación os expertos do Observatorio de Software Libre da Comisión Europea contactaron coa Amtega para afondar na orixe deste traballo e recoñecer a posición de Galicia como unha das rexións máis destacadas no fomento e promoción do Software Libre.
Na nova publicada no portal europeo, destacan a importancia da recomendación do estándar aberto ODF para a documentación editable publicada pola Administración pública. Esta obriga está recollida no Decreto 201/2011 do 13 de outubro de 2011 polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómica de Galicia na Internet, que indica que “Os documentos e servizos da Administración electrónica que se poñan a disposición da cidadanía encontraranse, como mínimo, dispoñibles mediante estándares abertos.”
Pero máis alá desta recomendación, consideran tamén destacable que a guía publicada inclúa ademais de recomendacións de formatos abertos, como xestionar os dereitos de propiedade intelectual dos documentos, imaxes e ficheiros multimedia, ou instrucións para crear adecuadamente traballos derivados. Finalmente, resaltan tamén a recomendación do uso de aplicativos libres adecuados para cada tipo de documento e formato, concretamente Libreoffice para documentos de texto, Gimp para o tratamento de imaxes, Evince e Okular para visualización de PDF ou Calibre para a xestión de libros electrónicos empregando o formato ePub.
Contido
A “Guía de boas prácticas para a Liberación de Publicacións da Xunta de Galicia” recolle os resultados de diversas accións formativas dentro da Administración realizadas en 2013 de cara a fomentar a publicación baixo licenzas libres dos contidos editados pola Xunta de Galicia, así como a súa reutilización e difusión.
O documento incorpora recomendacións sobre sobre a xestión da propiedade intelectual no proceso desenvolvemento das obras, analiza os diferentes tipos de licenciamento mediante licenzas libres e finalmente inclúe recomendacións de formato e ferramentas en Software Libre para o traballo con documentos de texto, imaxes, vídeos e obras sonoras.
Coa difusión desta guía a Amtega quere contribuír a fomentar a difusión das vantaxes das licenzas copyleft e o concepto Cultura Libre no ámbito da administración publica, fomentando deste xeito a súa proliferación neste eido. Así mesmo, ponse a disposición doutras administracións para que poida ser reutilizada e mellorada.
