Mancomún

JoVitae, a web de emprego para os profesionais do código aberto

Luns, 8 Xuño 2009

JoVitaeA compañía Stratebi Business Solutions acaba de estrear recentemente JoVitae, unha web de emprego para especialistas de código aberto e intelixencia de negocio (OS/BI), na que facilitan ofertas de traballo para profesionais.

Nesta páxina web, tanto os profesionais do código aberto, que queren atopar ou cambiar de emprego, como as empresas que empregan como ferramenta de traballo o software libre, poderán beneficiarse das ferramentas que proporciona esta web, cuxo obxectivo é "atopar os mellores profesionais para as mellores empresas".

Que hai que facer para poder beneficiarse dos servizos desta web?

Pois é moi sinxelo, os candidatos terán que enviar o seu currículum, que serán analizados por JoVitae, e asignaránselles ás ofertas de emprego que mellor coincidan co perfil e necesidades dos candidatos, unha vez informadas as empresas dos candidatos dispoñíbeis, os finalistas serán sometidos a un proceso de selección que durará entre 10 e 30 días. Pola ética da empresa non se poderá estar en máis dun proceso de selección. No caso de non ser escollido para o posto de traballo, o candidato sería asignado a outro proceso de selección.
No caso das empresas, terán que enviar unha solicitude na que se indiquen as características do posto que queren cubrir, e JoVitae comprométese a atopar entre 3 e 5 candidatos que previamente fosen entrevistados e analizados a fondo, nun prazo de 10 días. No caso de que ningún dos candidatos fose do agrado da empresa, redefiniríanse as necesidades da oferta e volveríase a comezar o proceso de selección. Jovitae garántelle á empresa atopar o candidato máis axeitado, do cal se fará un seguimento, e a permanencia deste candidato, unha vez contratado, durante o período de garantía ao que se compromete JoVitae.

É gratuíto o servizo de JoVitae?

Só no caso de que o candidato non sexa incorporado a unha empresa. No caso contrario, segundo indica esta web, o custo será mínimo, conseguindo evitar os gastos ocultos (tempo de busca, persoas implicadas na realización das entrevistas, recursos materiais, etc).

Fonte: http://www.jovitae.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal