Hai uns días podíase ler no blogue de Aaron Seigo , desenvolvedor de KDE, que o que finalmente será KDE 4.2 está xa fóra da rama de desenvolvemento. A versión 4.2 está xa catalogada coma “release candidate”, e o traballo que se realice a partir de agora na rama de desenvolvemento formará parte do futuro KDE 4.3.
As primeiras impresións ante esta versión candidata non se fixeron agardar. A impresión xeral é a de que se está a avanzar con paso firme. Os usuarios opinan que esta versión candidata compórtase de forma máis estábel que a versión 4.1 “estábel”, e o acabado dos aplicativos é sensibelmente mellor.
Coas melloras no nivel de infraestrutura no código e ao ser multiplataforma, KDE4 dará moito que falar de aquí en diante.
KDE4, na súa rama de desenvolvemento, atópase actualmente traducido ao galego ao 100%, como podemos ver na páxina de estatísticas de tradución do proxecto. Esta tradución é posíbel grazas aos esforzos dos membros do proxecto Trasno. Pódese atopar información sobre como colaborar na tradución de KDE ao galego nesta páxina.
