Mancomún

KDE 4 estábel logra o 100% de galeguización

Luns, 1 Decembro 2008

 O Proxecto Trasno informa de que acaba de se conseguir un auténtico logro: KDE 4 estábel (KDE 4.1)  ao 100% en galego. O obxectivo estaba ao alcance desde que en xullo deste  ano xa o equipo de localizadores de Trasno lograra un 92% de localización, situándose daquela como o 10.º equipo de tradución mundial. Este logro colócao directamente como 5.º equipo mundial.

Estatísticas de localización de KDE

Isto dá idea do nivel de traballo desenvolto e constitúe un auténtico fito histórico na galeguización de software. A propia comunidade e o equipo de tradución o sente e cualifica así. Desde Mancomún non podemos senón felicitalos e animar aos interesados en ter o seu software libre en galego a colaborar para que se poida manter este altísimo nivel.

De feito, de aquí a finais de xaneiro de 2009 anúnciase unha auténtica maratón para manter o mesmo nivel na versión 4.2 de KDE , xa que se incorporan ou modifican unhas 5000 cadeas, máis de 1000 só para o conxunto de aplicativos chamado Kdeedu.

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal