Cornelius Schumacher, desenvolvedor de KDE, escribiu recentemente no seu blog unha interesante entrada. Nela, preséntasenos un dato abraiante: KDE está composto por máis de catro millóns de liñas de código fonte.
Exactamente, e empregando o conxunto de ferramentas SLOCCount, KDE contén 4.273.291 liñas de código fonte. E isto, contando só os módulos centrais de KDE (Koffice, por exemplo, non está incluído nesta cifra). As mesmas ferramentas SLOCCount calculan os custes de desenvolvemento de KDE en 175.364.716 dólares.
Segundo as estatísticas presentadas no blog, os módulos que máis liñas de código inclúen son, nesta orde, kdelibs, kdebase e kdepim, seguidos despois por kdeedu.
Como di o propio Schumacher, débese tomar isto como un dato interesante, pero non significativo, da evolución e composición do proxecto KDE. E non debemos esquecer que “a eliminación de código é unha das tarefas máis delicadas para un programador”.
