A revista Linux Format revelou hoxe os premios elixidos polos seus lectores para o ano 2008 (PDF) e KDE tivo unha ampla vitoria na categoría “Proxecto de Software libre do ano” en recoñecemento ao incríbel traballo feito con KDE 4. Amarok, Qt, Konqueror e o Asus Eee PC con KDE tamén foron recoñecidos na elección.
Como sinala o artigo de Linux Format, necesítase unha “chea de traballo duro e sobre todo, un compromiso cos ideais do software libre” para ter éxito nesta elección.
Os gañadores son elixidos nun proceso aberto no cal os lectores determinan a lista de candidatos e gañadores. KDE pode estar orgulloso de ser considerado como mellor Proxecto de Software Libre – unha categoría moi ampla que inclúe calquera proxecto que produza software libre, incluíndo algúns como Compiz (finalistas nesta categoría) e xigantes do software libre como os proxectos da Fundación Mozilla e Apache.
O traballo duro e o éxito dos equipos de Amarok e Konqueror tamén foron recoñecidos, xa que cada un ocupou o segundo lugar nas súas respectivas categorías. Amarok foi elixido segundo como aplicación de escritorio en xeral, só superado por Firefox. O Asus Eee PC que usa un escritorio Xandros modificado con tecnoloxía KDE gañou o eloxio de ser o trebello tecnolóxico do ano, deixando ao iPhone en segundo lugar. Trolltech (agora Qt Software) obtivo o segundo lugar na categoría de Linux embebidos por Qt, co que mostrou así unha forte participación de KDE e proxectos relacionados na elección deste ano…
KDE4, na súa rama de desenvolvemento, atópase actualmente traducido ao galego ao 100%, como podemos ver na páxina de estatísticas de tradución do proxecto. Esta tradución é posíbel grazas aos esforzos dos membros do proxecto Trasno. Pódese atopar información sobre como colaborar na tradución de KDE ao galego nesta páxina.
Fonte orixinal da nova:
http://www.kdehispano.es
