Mancomún

KompoZer volve á vida do deseño web libre con novas versións

Luns, 25 Maio 2009

O famoso sucesor de Nvu quedara paralizado desde hai moito tempo na versión 0.7.1 desde que se comezaron a producir problemas de compatibilidade do aplicativo coas novas versións de Ubuntu ou Fedora debido á antigüidade do motor Gecko no que estaba baseado. KompoZer é unha ferramenta de autoría web ideal para a aprendizaxe do deseño web (HTML e CSS) e o mantemento de webs sinxelos, de balde, que resolve perfectamente as necesidades diarias dun usuario medio.

KompoZer foi deseñado para ser extremadamente doado de usar de modo que sexa ideal para usarios non técnicos que pretendan crear un sitio web atractivo, de estilo profesional sen necesitar coñecer previamente HTML ou os arcanos da codificación web.
O editor para a web está a facer progresos agora da man de Fabien Cazenave. Segundo o propio desenvolvedor francés KompoZer 0.8a3 / 0.8a4 focalizouse en solucionar erros e engadir melloras na edición de HTML.

Entre as melloras salientan especialmente os progresos nos modos de edición:

– Permite a visualización e navegación dual do sitio local e remoto e tamén mellorou o sistema de localización.
– Permite a edición directa cun editor de texto externo e controla a inclusión das modificacións no documento modificado.
– Permite a visualización e edición simultánea de código e deseño do HTML que se está a editar, así como menú contextual para certas opcións como o axuste de liñas ou o tipo de letra.
– Permite a visualización do DOM e a vista estilo SeaMonkey para os ficheiros fonte
– Mellor comportamento na compatibilidade coa edición de XHTML

KompoZer vai xa camiño dunha versión estábel onde xa se disporá tamén de xestión do sitio remoto.O propósito do proxecto KompoZer é fusionarse co proxecto SeaMonkey de Mozilla.

Desde o punto de vista do desenvolvedor, o principal beneficio de KompoZer é que é doado de compilar: o mesmo código fonte compilará correctamente en calquera plataforma sen ningún parche de maneira que só é preciso desenvolver un único paquete co código fonte (á parte de que, por facilidade se poidan engadir compilacións para os usuarios).

É unha excelente noticia para os que necesitan unha ferramenta de edición HTML de web que sexa multiplataforma e de código aberto.

Para a nova versión 0.8a4, considerada inestábel pola páxina oficial, pero para a que xa se está a facer unha chamada aos tradutores con vistas a preparar os paquetes de idiomas xa existe, mercé ao proxecto NAVE unha tradución a español.

De querer facer unha contribución ao proxecto (parche, tradución, compilacións, etc.), ofrécese a vía da canle #kompozer á parte da páxina oficial para a localización.

Fonte: Blog Joaclintistgud

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal