Mancomún

Liberada a tradución ao galego de Liferay

Venres, 2 Outubro 2009

O número de aplicativos libres dispoñibles en galego non deixa de aumentar. Hoxe informámosvos da tradución de Liferay ao galego por parte de Miguel Álvarez Úbeda.

Durante o desenvolvemento do seu proxecto de fin de máster, titulado "Ferramenta Web xenérica de publicación de cartografía municipal" e publicado na Forxa con licenza GPL 2, Miguel traduciu Liferay ao galego e puxo a disposición da comunidade os ficheiros e as instrucións necesarias para empregar a súa tradución.

Ademais, contactou cos desenvolvedores de Liferay para que a súa tradución ao galego se incorpore nos repositorios de forma que a seguinte versión do aplicativo xa se poida instalar directamente en galego.
Miguel acaba de rematar o seu Proxecto de fin de máster no que elaborou dous Portlets para Liferay que funcionan como un "Rueiro":

  • Un xeoreferenciador de posicións cartográficas : a partir dun enderezo obtén a latitude e lonxitude empregando as API de Google Maps e Yahoo Maps.

  • Un visor xeográfico xenérico baseado en OpenLayers: Google maps, yahoo maps, OpenStreeMaps etc que se pode personalizar con cartografía propia facendo uso do protocolo Web Map Service (WMS).

Esta non é a primeira vez que Miguel libera un proxecto contribúe cos seus desenvolvementos á comunidade na Forxa, de feito, el foi o gañador da edición do ano pasado do Premio a mellor proxecto de fin de carreira organizado por Igalia, que como anunciamos esta mesma semana ten o prazo aberto para a inscrición.

Acerca de Liferay

Liferay é unha ferramenta para a creación de portais corporativos nos cales incluír todas as ferramentas necesarias para a xestión da empresa. O portal usa tecnoloxía Java baseada en ‘portlets’. Inclúe múltiples aplicativos e/ou funcionalidades: control de acceso mediante inicio de sesión a través de Active Directory, OpenID ou LDAp, integración con Microsoft Exchange, compatibilidade con PHP e Ruby, compatibilidade cos calendarios iCal, WebDAV, etc…

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal