Recentemente foi anunciada a publicación da nova versión da contorna de escritorio GNOME. Esta versión está dispoñible 100% na nosa lingua, grazas como sempre aos esforzos do equipo galego de tradución de GNOME.
Así o anunciaban a finais do pasado marzo que xa tiñamos dispoñible a nova versión da contorna de escritorio GNOME 3.20 completamente traducida ao galego. Este fito completa o ciclo de desenvolvemento que supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación.
Segundo indica o equipo galego de tradución de GNOME na súa nota de publicación, esta nova publicación supón un gran paso respecto das melloras e novidades introducidas no software e tamén por continuares co gran traballo de tradución, xa que manteñen o nivel de tradución da interface no 100% ao galego incluíndo os novos aplicativos presentados nesta publicación, todos cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados polo Proxecto Trasno.
Como achega adicional, o equipo galego de tradución de GNOME, tamén liberou poñendo a disposición pública os recursos lingüísticos en galego de GNOME 3.20 baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0. Respecto disto, o grupo de tradución de GNOME ao galego amósase, nas súas palabras "moi orgulloso de publicar os produtos finais en forma de recursos lingüísticos derivados das traducións de GNOME 3.20 de tal forma que todos os tradutores poidan reaproveitar o traballo."
O equipo tamén invita aos interesados en botar unha man a colaborar na revisión e actualización da documentación base dos aplicativos. Neste senso, o equipo galego de tradución de GNOME conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de GNOME para orientar aos novos colaboradores.
GNOME 3.20
GNOME 3.20 é a última versión estable de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así coma pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28933 cambios realizados por 837 contribuidores aproximadamente:
- Melloras
- Xanelas de atallos de teclado
- Soporte para Wayland a nova tecnoloxía para gráficos e pantalla en GNU/Linux
- Controis de edición fotográfica
- Acceso rápido para controis multimedia.
- Anovación do administrador gráfico de ficheiros
- Anovación do calendario
- Aplicación Maps 3.20 con soporte para etiquetado de puntos de interese sobre OpenStreet Map
- Anovacións respecto dos controis de privacidade
O código fonte de GNOME 3.20 está dispoñible gratuitamente para a súa descarga e redistribución. Así e todo, pódese ter acceso e probar GNOME 3.20 sen necesidade de descargas as fontes e compilalo, a través dos paquetes das distribucións de uso extendido:
- Ubuntu dende repositorios non oficiais ofrece GNOME 3.20 para usuarios de Ubuntu 16.04 LTS.
- Fedora 24, a vindeira versión estable, xa virá con GNOME 3.20 é está dispoñible como versión de probas.
- OpenSUSE tamén ofrece unha imaxe live USB image con GNOME 3.20 para a súa descarga e proba.
Wayland
Wayland está considerado como o substituto do servidor gráfico X. Wayland amósase como un proxecto cun protocolo e arquitectura máis doado de desenvolver e manter e cunhas prestacións moi superiores ao seu antecesor. Considérase que nun futuro próximo os ambientes de escritorio máis populares coma GNOME, Unity e KDE adopten Wayland de modo definitivo.
