O día de onte foi anunciada a publicación dunha nova versión do sistema operativo baseado en GNU/Linux Fedora.
Despois de case un ano de traballo, esta nova versión da popular distribución ve a luz coas seguintes novidades:
-
Actualizacións gráficas. O sistema operativo terá de agora en diante a capacidade de detectar novas versións e actualizacións do software, facilitando a achega e escolla aos usuarios.
-
Soporte ampliado para Flatpack, un novo xeito de empaquetar aplicacións en sistemas GNU/Linux. Agora seremos quen de ver as aplicacións Flatpack que teñamos instaladas e engadir fontes novas, como a de GNOME e outros proxectos.
-
LibreOffice 5.1, a última versión da máis popular das suites ofimáticas libres.
-
Wayland, que será a opción por defecto na seguinte versión, Fedora 25, a nova tecnoloxía para gráficos e pantalla en GNU/Linux.
-
GNOME 3.20 como contorna de escritorio, que a día de hoxe, está localizada ao galego case ao 100%, como anunciabamos o pasado 5 de abril grazas ao extraordinario traballo elaborado polo Proxecto Trasno que acababa de anunciar un “fito no ciclo de desenvolvemento que supuña unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación” con case a totalidade da localización a galego para Gnome 3.20 completada.
En canto á localización de Fedora ao galego, máis alá da contorno Gnome 3.20, como indican na páxina do Proxecto Trasno, está agora mesmo orfa, sen colaboradores, polo que se alguén ten interese en colaborar para manter esta distro na nosa lingua sería benvido no Proxecto Trasno.
