Mario Rodríguez Riotorto vén de liberar, a través da Forxa de Mancomún, a nova versión de MaxWeb 2.0.0, o interface web para o programa de cálculo Maxima. A novidade que introduce esta con respecto á primeira versión, lanzada aínda a mediados do pasado mes de agosto, consiste na tradución dos scripts de Lisp a Php.
Maxweb é un contorno web en php para a creación de interfaces entre o servidor Apache e o programa de cálculo simbólico e numérico Maxima, que, á súa vez, é a versión libre do sistema Macsyma desenvolvido en Lisp no MIT durante os anos 70.
Aínda que estas ferramentas inspiraron numerosos programas de características similares, o seu principal problema radica na necesidade de coñecer a linguaxe propia.
Co problema de solventar este feito, Maxweb permite crear interfaces web que, xunto con Apache, permiten desenvolver contornos de cálculo matemático (integración, cálculo matricial, transformacións alxebraicas, gráficos…) sen que o usuario final coñeza a linguaxe de Maxima.
Estas características fan desta aplicación unha ferramenta idónea para o ámbito educativo, tanto no desenvolvemento de actividades interactivas -a través do navegador- como para amosar conceptos matemáticos. Dadas as rutinas avanzadas de que dispón, a aplicación tamén pode ser empregada no eido da investigación e técnico profesional.
