Google anunciou esta semana a publicación do código fonte do aplicativo My Tracks para o GPS dos dispositivos co sistema operativo Android.
Este aplicativo permite aos usuarios gravar as coordenadas GPS e visualizar as rutas que fagan cando, por exemplo, camiñan, corren, van en bicicleta… O aplicativo tamén permite ter estatísticas como o tempo, a velocidade, a distancia percorrida ou a altitude. Os datos poden exportarse a outros servizos de Google como ás Follas de cálculo ou os Mapas de Google, mais tamén é posible exportalos en ficheiros nos formatos estándar GPX e KML para por exemplo empregalos despois para crear un ikimapa na rede social ikiMap da que vos falamos hai uns días.
Google agarda que abrir o código de My Tracks axude a mellorar o aplicativo e a atraer máis entusiastas, desenvolvedores… Segundo unha mensaxe na páxina en Google Groups, Rodrigo Damazio, membro do equipo de My Tracks, dixo que “pódese esperar que My Tracks mellore ata límites inesperados coas achegas que agardamos recibir doutros desenvolvedores e tamén que xurdan outros aplicativos que poidan traballar da man de My Tracks – por exemplo, podería crearse facilmente un aplicativo para o seguimento de actividades de fitness, aviación, …” Dixo que outro dos seus obxectivos é engadir novas traducións e mellorar e corrixir as existentes. Agora mesmo está dispoñible en alemán, español, francés, italiano e portugués brasileiro.
Pódense ver as características completas na web do proxecto e na páxina de preguntas frecuentes. Está dispoñible para a súa descarga dende Android Market e o código está dispoñible en Google Code e publicouse baixo a licenza Apache 2.0
Fonte: The H Open Source
