Fran Diéguez vén de publicar a través da páxina de GLUG a documentación empregada para o relatorio práctico “Tradución de aplicativos con software libre”, o cal impartiu o pasado xoves no marco das III Xornadas de Software Libre no FP Caixanova en Ourense, e das cales deu conta Mancomún. Segundo explica Fran Diéguez, trátanse dunhas “transparencias e unha memoria que aínda que precisa moitos retoques pode servir a calquera programador e/ou iniciado no mundo da tradución para saber como funcionan os procesos de localización”.
A memoria (tamén en versión online) e incluso os arquivos de exemplos cos que se fixeron as prácticas do obradorio poden ser descargados libre e gratuitamente da páxina de GLUG. Esta documentación ten a pretensión de converterse, co introdución de melloras e das achegas de calquera membro da comunidade, nun manual de referencia para comprender gettext e os sistemas de localización da meirande parte das apps web.
Fonte: GLUG
