Mancomún

Liberado Wireshark 2.2.0

Mércores, 14 Setembro 2016

A mediados da semana pasada fíxose o anuncio da liberación de Wireshark 2.2.0. Wireshark é un dos produtos de análise de protocolos e redes máis afamados do mundo profesional. Wireshark é unha ferramenta libre en contraposición a moitos dos seus competidores.

Wireshark é capaz de analizar redes en tempo real e extraer a información das trazas dos paquetes que captura na rede. Unha ferramenta moi útil no sector profesional das TIC para o control e supervisión das redes.
Interface de Wireshark

Na entrega actual o produto mellora a prestación na análise de fluxos de datos baseados no protocolo RTP, como poden ser nos servizos de telefonía IP, videoconferencia e similares. O aspecto visual tamén se ve mellorado con respecto a anteriores versións da ferramenta, presentando neste momento unha liña visual moito máis fresca e renovada.

Outra mellora que destaca pola súa utilidade práctica de uso é a capacidade de poder exportar a captura de paquetes en formato JSON para poder ser usados externamente.

O anuncio desta nova entrega do produto pódese ler en inglés na propia web dos desenvolvedores. Recórdese que Wireshark é un software con licenza GPL coa capacidade de ser executable en máis de 20 plataformas distintas dende os sistema UNIX ate sistemas Android, pasando por calquera versión de Linux e mesmo con soporte para diferentes versións de Microsoft Windows.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal