Digital Video, os fabricantes de TOONZ, e DWANGO, editorial xaponesa, anunciaron este sábado 26 de marzo no Anime Japan de Tokio a materialización do acordo asinado por ambas partes para a adquisición e liberación como Open Source do software de animación TOONZ, software de animación que foi desenvolvido orixinalmente por Digital Video de xeito independente. Digital Video e DWANGO chegaron a ese acordo baixo a condición de que DWANGO publicase e desenvolvera dito software baixo unha plataforma de código aberto baseada en TOONZ que se chamaría OpenTOONZ.
A materialización desta liberación chegou este sábado coa publicación dos fontes do código na plataforma de xestión de proxectos Github.com. Así pois OpenTOONZ xa está accesible dende o sábado baixo licenza BSDv3 compatible coa licenza GPL de GNU.
Segundo o anuncio, OpenTOONZ inclúe características desenvolvidas por Studio Ghibli (TOONZ Ghibli Edition), estudio xaponés de animación considerado pola crítica especializada coma un dos mellores estudios de animación do mundo e que usou intensivamente TOONZ durante anos en animacións coma O conto da Princesa Kaguya, A Princesa Mononoke ou A viaxe de Chihiro. A través de OpenTOONZ, DWANGO quere crear unha plataforma que serva de ponte de colaboración activa entre os laboratorios de investigación e a industria do cine.
Deste acordo conclúese que Digital Video únese tamén ao modelo de negocio de código aberto baseado na posta en servizo, instalación e configuración, formación, soporte e servizos de personalización, permitindo ao mesmo tempo á comunidade de animadores utilizar os últimos avances tecnolóxicos neste sen custo.
Ao comentar sobre este anuncio, Atsushi Okui, Director Executivo en Imaging Studio Ghibli fíxose eco da decisión inicial para o uso de TOONZ por parte dos seus estudos durante a produción de ‘A princesa Mononoke’ en 1995, "necesitabamos un software que nos permitise crear unha determinada parte da animación dixitalmente. Despois de analizar todo o mercado chegamos a elixir TOONZ. O noso requisito era continuar a produción de animación de calidade cinematográfica sen engadir estrés adicional, o software debía de ter a capacidade de combinar animación debuxada a man coa animación dixital sen problemas. A partir de entón continuamos a utilizar o software incluíndo grandes cambios para facilitarnos o uso no noso contexto. Estamos encantados de saber que esta versión de código aberto conten melloras introducidas na nosa Ghibli Edition".
Claudio Mattei, Director Xerente de Digital Video amosou o seu convencemento de que "o contrato con DWANGO, garante unha plataforma de código aberto baseada en TOONZ para a comunidade da animación … para converter a TOONZ nun estándar mundial para a animación 2D. Este acordo será tamén o punto de partida dun novo plan emocionante para respaldar o modelo de negocio de código aberto, mediante o apoio á formación e a personalización de TOONZ".
Pola súa parte, Nobuo Kawakami, presidente e director de tecnoloxía de DWANGO, asegurou sentirse moi satisfeito polo acordo sendo "un gran honor para nós ser capaces de liberar OpenTOONZ como software de código aberto".
Fonte: Nota de prensa
