Tralo éxito das pasadas edicións volve a LibreCon 2016, o maior encontro empresarial orientado ao intercambio de experiencias, coñecemento e solucións TICs Open Source, e fomento do desenvolvemento de negocio. O evento é organizado por ASOLIF que este ano conta coa colaboración de ESLE, quen toma o relevo de AGASOL na LibreCon 2015. Este ano pois o evento terá lugar os días 22 e 23 de novembro en Bilbao.
Nesta VI edición, LibreCon centrará a súa actividade en 2 eixos fundamentais da economía: Open Industry 4.0 e Open Finances. Buscarase expoñer as tecnoloxías abertas que están permitindo dar servizo aos novos retos da Industria 4.0 e ao Sector das Finanzas e Seguros, en campos como o cloud computing, análise de Big Data e IoT.
Dende a organización da LibreCon quérese contar cunha gran asistencia de participantes que acheguen a súa experiencia e coñecemento. É por iso que animan a enviar propostas para poder participar na LibreCon como poñente en formato conferencia, business case ou demo tecnolóxica, aínda que tamén é posible participar na LibreCon 2016 como patrocinador ou expositor.
O prazo para a recepción de papers para a LibreCon 2016 estará aberto ate o vindeiro 15 de xullo.
Para estar ao día de toda a actualidade do evento, pódese seguir a súa conta de Twitter.
Toda a información en: www.librecon.io
Pasada edición da LibreCon
A pasada 5ª edición da LibreCon foi organizada o ano pasado por AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia e tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento acolleu durante dous días a responsables do mundo da empresa, a administración e a educación que deron a coñecer as tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que fornecen no momento actual a competitividade e innovación das empresas e administracións públicas.
