- Publicada LibreOffice 3.4.2 recomendada para contornos corporativos
- Dous galegos foron aceptados como membros oficiais da Comunidade de LibreOffice
- A I Conferencia de LibreOffice terá lugar do 12 ao 15 de outubro en París
O pasado día 1 de agosto, The Document Foundation (TDF) anunciou a publicación de LibreOffice 3.4.2. Trátase da terceira versión da familia 3.4, na que grazas ao traballo de máis de 300 colaboradores, corrixíronse a maioría de erros ou defectos notificados polo seus usuarios acadando un grao de estabilidade suficiente para o seu emprego nos contornos de produción da maior parte de empresas e administracións públicas.
Segundo recolle o anuncio, que se pode ler completo en galego no blog da comunidade galega de LibreOffice, a TDF anima ás grandes organizacións que vaian despregar LibreOffice que o fagan da man de provedores comerciais de asistencia técnica, capacitados para valorar coidadosamente os requisitos específicos, axudar a xestionar a migración así como fornecer solucións á medida para as incidencias identificadas.
Posto que aínda hai pouco que se publicou a versión 3.3.3 é posible que moitos usuarios estean confusos sobre que versión é mellor ou cal se axusta ás súas necesidades. Para aclarar estas incertezas o mellor é coñecer algo máis o detalle do ciclo de versionado de LibreOffice.
Ciclo de versións de LibreOffice
LibreOffice ten definido un ciclo de versións ben temporalizado no que mantén en paralelo dúas ramas ou familias. Desta forma sempre haberá unha versión máis axeitada para aqueles usuarios máis ávidos de novidades e que prefiren sacrificar a estabilidade do software a cambio de estar sempre á última e outra para usuarios máis conservadores e para contornos de produción nos que debe primar a estabilidade do software.
A versión inicial de cada rama, a X.Y.0, é a que incorpora todas as novas funcionalidades e características da nova familia, estando o resto de versións adicadas (X.Y.1 , X.Y.2 …) á corrección de erros. 
A gráfica adxacente amosa un esquema explicativo sobre cal sería a versión recomendable para cada tipo de usuario segundo vaia avanzando o ciclo de versionado.
Esta gráfica non é fiel reflexo da temporalización final das distintas versións, isto é que a versión 3.5.0, por exemplo, non necesariamente sairá entre a versión 3.4.3 e a 3.4.4. Pódense consultar as datas finais previstas na páxina do ciclo de versións de LibreOffice.
Comunidade de LibreOffice
10 meses despois da creación de LibreOffice o estado de saúde da súa comunidade é excelente. Así, a análise das colaboracións para a publicación desta última versión reflicte que foi froito da actividade combinada de 300 colaboradores con máis de 23.000 remisións que supuxeron a adición, supresión ou modificación sobre de cinco millóns de liñas de código.
Esta comunidade de desenvolvedores de LibreOffice confórmase por un bo equilibrio entre o número de colaboradores patrocinados por empresas, principalmente Canonical, Suse, RedHat e Oracle (código proveniente de OpenOffice) e voluntarios da comunidade independente como se pode ver na seguinte gráfica:
Bjoern Michaelsen, un dos catro colaboradores de Canonical, e un membro clave do Comité Executivo de Enxeñaría afirma que a "TDF naceu co obxectivo de renovar e evolucionar o código de OpenOffice.org para desenvolver unha suite de oficina libre máis limpa e áxil e, despois de dez meses, estamos seguros de estarmos no rego de lograr este obxectivo"."Por suposto, cun esforzo de renovación de código tan grande, somos conscientes dun certo risco sobre o nivel de estabilidade nun período tan curto pero compénsase polas melloras de largo alcance tanto en funcionalidades como en velocidade, e de novo estabilidade."
Comunidade galega de LibreOffice
A nosa comunidade galega de LibreOffice, goza tamén dunha saúde envexable. Como proba disto o pasado mes de maio foi aprobado o recoñecemento como membro da comunidade LibreOffice de Antón Méixome, coordinador da comunidade de localización ao galego de LibreOffice e principal mantedor da tradución, e no mes de xuño aprobouse o recoñecemento de Miguel Bouzada, promotor do servidor de réplica de LibreOffice e un do promotores da celebración do Día da Liberdade dos Documentos.
Hai que salientar que esta aprobación, segundo as normas que regulan o ingreso na comunidade LibreOffice, non pode ser doutro xeito que por méritos propios, con adicación e esforzo e realizando contribucións tanxibles e probadas ao proxecto. Estas contribucións poden ser tanto en forma de código, de traducións, de difusión dos proxectos da TDF … Cada solicitude para ser membro da comunidade debe ser revisada e aprobada polo Comité de afiliación.

Non podemos pois máis que darlle os parabéns á Antón Méixome e Miguel Bouzada polo recoñecemento ao seu traballo e agradecerlles dende aquí a súa adicación grazas á cal podemos empregar LibreOffice en galego, e dispoñemos dun servidor de réplica de LibreOffice en Galicia, entre outras moitas cousas.
As estatísticas do servidor de réplica son realmente abrumadoras. En tan só 3 meses de funcionamento acumula un consumo de largo de banda de 9500 Gb o que supón máis de 50.000 descargas, tomando como tamaño medio da descarga de 180 Mb. As estatísticas deste servidor amosan tamén que o 85% das descargas corresponden á versión de LibreOffice para o sistema operativo Windows.
I Conferencia internacional de LibreOffice.
A comunidade da Document Foundation e da LibreOffice reunirase en París na primeira Conferencia de LibreOffice do 12 ao 15 de outubro de 2011. O chamamento para o envío de contribucións está aberto ata o 8 de agosto de 2011. Hai 4 temáticas abertas, desenvolvemento, comunidade, marketing, e ODF Master Class. O rexistro para asistir á conferencia permanecerá aberto ata finais de setembro.
