O equipo de localización ao galego da suite LibreOffice, integrado por tradutores voluntarios e colaboradores de Proxecto Trasno e que conta agora co apoio da Oficina de Software Libre da CIXUG, queren aproveitar a ocasión para presentar a primeira versión apta para todos os públicos da nova serie 3.6 da suite.
Esta primeira versión menor da serie 3.6 arranxa nada menos que 90 bugs da 3.6, especialmente os casos de falla total en Mac OS X ao pechar o Asistente de informes, ocultación de seccións no procesador así como cando se gardan algún ficheiros ODS e XLS. Tamén se solucionaron fallos na importación de ODF e RTF respecto da perda de datos. Pode verse o rexistro de cambios da versión 3.6.1.1 e o rexistro de cambios da 3.6.1.2
Como xa comentamos na nova no momento da saída da versión 3.6, esta serie da suite incorpora ata 85 melloras e novas funcionalidades respecto da serie 3.5 algunhas delas moi demandadas.
A LibO 3.6.1 está dispoñíbel en versións de Windows, Linux e Mac e ofrécese en case 100 idiomas do mundo. No caso do galego, o equipo de voluntarios que se responsabilizaron da súa adaptación para que os usuarios galegos a poidan usar confortablemente preséntanos como sempre a interface completamente traducida e optimizada.
LibreOffice 3.6.1 está dispoñíbel para descarga en galego desde: http://gl.libreoffice.org/download/
As extensións da LibreOffice están en: http://extensions.libreoffice.org/e…
Aseguramento da calidade
A velocidade de saída de novas versións fainos perder de vista que efectivamente a cada número que se escala, a suite incorpora un bo feixe de melloras que son froito da vibrante comunidade que participa e está comprometida con facer de LibreOffice a mellor suite ofimática libre a libre disposición de todos os usuario.
Mais ao tempo que se traballa nas melloras e na incorporación de novas funcionalidades para a nova versión maior, o equipo de desenvolvemento adica tamén un importante esforzo ao mantemento e corrección de erros das últimas versións, tanto da serie 3.6 como no caso que nos ocupa, como na anterior serie 3.5 para garantir a estabilidade dos que a adoptan, que son máis a cada paso.
Nesta liña de traballo a TDF acaba de anunciar un novo proxecto de “HardHacks” e informará do seu progreso de xeito regular. Este proxecto persegue a busca da calidade do produto e consistirá na apertura dun ciclo de descuberta de fallos críticos por parte dos participantes no proxecto de aseguramento de calidade cunha periodicidade quincenal. Nesas reunións quincenais probaranse as versións RC1 especialmente, en escenarios reais e de aí sairá unha lista dos 5 fallos identificados que se lles comunicarán aos desenvolvedores co fin de que os teñan permanentemente en conta.
Esta nota forma parte das actividades que o CIXUG desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia.
