Onte, a Document Foundation anunciou a dispoñibilidade da nova versión da suite ofimática libre LibreOffice 3.6, a cuarta versión maior desta suite, que vén cunha gran cantidade de novas funcionalidades e melloras incrementais respecto das versións anteriores. Dende melloras no deseño e usabilidade da interface ata outras melloras non visibles directamente, como a mellora no rendemento ou na interoperabilidade.
E por suposto está dispoñible integramente en galego grazas ao excelente traballo da comunidade de tradución ao galego de LibreOffice liderada por Antón Méixome.
Algunhas das melloras destacadas son a integración con Alfresco vía protocolo CMIS ou a integración limitada con SharePoint, posibilidade de exportar PDF con marcas de auga, posibilidade de editar ficheiros de só lectura, inclusión dun filtro de importación para documentos de Corel Draw, un deseño moito máis limpo e claro da interface e melloras no tema GTK.
En función do aplicativo destacan as seguintes novidades:
Writer
- Melloras na importación de ficheiros RTF/Docx, agora importa campos GetExpression e SetExpression, especificacións de zoom do documento …
- Melloras na importación de Office SmartArt.
- Incorpora a posibilidade de empregar espaciado contextual, é dicir, non aplicar as especificacións de espazo entre parágrafos se estes teñen o mesmo estilo.
- O pincel de formato agora distingue entre o formato do parágrafo e o formato aplicado manualmente a porcións de texto dentro do parágrafo.
- Posibilidade de aplicar a última cor da fonte, do fondo ou do realzado cun só clic.
- Premendo “Ctrl+ ]” ou “Ctrl + [ ” aumenta ou decrementa respectivamente o tamaño da letra.
- Incorpórase o contador de palabras á barra de estado.
- Importantes melloras no Autoformato das táboas, agora permite gardar as configuracións de fluxo de texto como quebrar, repetir título, permitir que a táboa se divida en páxinas e columnas, ou configuracións dos bordos como combinar estilos de liña adxacentes, ou estilo de sombra da táboa.
Calc
- Nova funcionalidade no formato condicional para as celas das follas de cálculo para configurar escala de cores ou barras de datos.
- Nova opción de especificar un prefixo para os nomes das follas de cálculo. Ademais agora é posible ocultar ou amosar as follas dende o menú contextual da folla.
- O número de follas predeterminadas para os novos documentos agora é 1 en lugar de 3.
- Novas opcións no menú contextual do botón dereito: combinar celas, pegar soamente texto, número ou fórmula.
- Exportación do formato condicional a .xlsx
- Mellora do filtro de importación de CSV. Ademais engadiuse unha opción de “gardar fórnulas en lugar dos valores” ao exportar a CSV.
- Novas funcións segundo a definición en ODF OpenFormula
- Agora é posible ordenar os datos dende o menú de autofiltrado
- Engadida a posibilidade de inserir campos de data, nome da folla ou título de documento nas celas.
Impress / Draw
- Engadiuse a opción de formato de pantalla panorámica no asistente de creación de presentacións.
- Mellora na detección do monitor externo e presenta a consola de control da presentación no monitor local.
- 10 novas páxinas mestras de presentacións.
- Xa non hai limitación de 3 entradas para a ordenación dos datos.
LibreOffice estase popularizando progresivamente en contornos corporativos. Durante os últimos meses, moitos organismos públicos anunciaron a súa intención de migrar a esta suite.
LibreOffice 3.6 foi desenvolvida por unha crecente comunidade de hackers reunida en torno á Fundación Documento, grazas a un contorno amigable e acolledor, respectuoso cos principios do Software Libre. A comunidade ten sobrepasado xa o umbral dos 500 desenvolvedores traballando sobre as novas características, enviando parches dende que se anunciou a creación do proxecto o 28 de setembro de 2010.
TDF invita aos usuarios avezados, capaces de axudar a pulir o resultado final, a ler coidadosamente as notas de versión, a instalar LibreOffice 3.6, e informar de calquera problema que teñan co seu uso. Mentres tanto aos usuarios máis conservadores recoméndaselles que se manteñan usando a rama LibreOffice 3.5. É recomendable tamén que os usuarios menos expertos, agarden a que a súa distribución GNU/Linux actualice de versión o paquete LibreOffice.
A TDF recomenda así mesmo encarecidamente que os usuarios corporativos que vaian despregar LibreOffice o fagan co respaldo profesional dunha compañía capaz de asistilos coa migración, coa formación e atención aos usuarios finais e co mantemento.
