Mancomún

LibreOffice 4.0 dispoñible e 100% en galego

Venres, 8 Febreiro 2013

Segundo nos informan dende o equipo de tradución de LibreOffice ao galego, a Document Foundation anunciou onte, 7 de febreiro, a publicación da suite ofimática libre coa que a comunidade estivo soñando 12 anos: LibreOffice 4.0

LibreOffice 4.0LibreOffice 4.0 é a primeira edición que reflicte os obxectivos establecidos pola comunidade no momento do seu anuncio en setembro de 2010: unha base de código máis limpa e lixeira, un conxunto de funcionalidades melloradas, mellor interoperabilidade e un ecosistema máis diverso e inclusivo.

Entre as novidades desta nova e mellorada versión podemos destacar as melloras no uso en entornos colaborativos grazas á incorporación do estándar CMIS, as melloras na interoperabilidade cos formatos pechados de MsOffice, posibilidade de importar documentos de Microsoft Publisher e Visio así como importantes melloras no rendemento notables na rapidez de apertura de grandes ficheiros. Ademais publícase tamén un aplicativo para dispositivos Android para o control remoto das presentacións (só compatible polo momento para o contorno Linux).
Podedes ler todas as novidades nas notas da publicación dispoñibles tamén en galego. Resumimos a continuación as principais:

  • Integración con varios sistemas de xestión de contidos e de documentos – como Alfresco, IBM FileNet P8, Microsoft Sharepoint 2010, Nuxeo, OpenText, SAP NetWeaver Cloud Service e outros – por medio do estándar CMIS.
  • Unha mellor interoperabilidade con DOCX e documentos RTF, grazas a varias melloras e novas funcionalidades, como a posibilidade de importación de anotacións manuais e achegar comentarios para fragmentos de texto.
  • Posibilidade de importar documentos de Microsoft Publisher e mellora adicional de filtros de importación do Visio coa adición da versión 2013 (que acaba de anunciarse).
  • Outras melloras incrementais na interface, como a integración con Unity e posibilidade de usar Themes Firefox (Personas) para dar unha aparencia personalizada a LibreOffice.
  • Introdución da técnica de deseño de trebellos para cadros de diálogo, o que fai máis fácil de traducir, redimensionar e ocultar elementos da interface de usuario, reduce a complexidade do código, e establece unha base para unha interface de usuario moito mellor.
  • Cabeceiras e rodapés de páxina diferentes na primeira páxina dun documento de Writer, sen a necesidade dun estilo de páxina separada.
  • Varias melloras de rendemento para o Calc, ademais de novas funcionalidades, tales como exportación de gráficas como imaxes (JPG e PNG) e novas funcións de follas de cálculo, conforme se definen no ODF OpenFormula.
  • Primeira versión da aplicación Control Remoto do Impress para Android, dispoñible só nalgunhas distribucións Linux. (A segunda versión que sairá en breve xa estará dispoñible en todas as plataformas: Windows, MacOS X e todas as distros Linux e binarios).
  • Melloras significativas de rendemento ao cargar e gardar distintos tipos de documentos, con melloras específicas para ODS grandes e follas de cálculo XLSX e ficheiros RTF.
  • Mellora do código grazas a Gerrit: un sistema de revisión do código baseada en web que facilita a tarefa de proxectos que usen o control de versións mediante Git (aínda que este non é específico para a LibreOffice 4.0, entrou en fase de produción antes da ramificación de código 4.0).
  • Numerosos cambios e melloras na API, de interese sobre todo para desenvolvedores.

Como obter LibreOffice 4.0

En galego: http://gl.libreoffice.org/descarga/

Extensións para LibreOffice

Nota do equipo galego A nova versión só se recomenda para usuarios avanzados. Para usuarios medios recoméndase actualmente a versión 3.6.5 dispoñible na sección de outras descargas da páxina de LibreOffice en galego.

LibreOffice 4.0: a comunidade ardente

Mais LibreOffice non é só software, trátase tamén de persoas, cultura, creación, compartición e colaboración. A súa existencia e crecemento é posible grazas á comunidade de voluntarios do proxecto LibreOffice. Hai moitos roles nos que calquera será benvido nesta comunidade, dende tarefas de enxeñería ata axuda á comunidade de usuarios ou mesmo traballo creativo.

En menos de 30 meses, LibreOffice medrou espectacularmente para converterse no maior proxecto de software libre independente, dirixido á produtividade do escritorio de usuario final. A xestión inclusiva da TDF e a licenza copyleft foron fundamentais para atraer máis de 500 desenvolvedores – tres cuartos deles voluntarios independentes – que foron quen de contribuír con máis de 50 mil remisións de código. O pasado 26 de decembro, publicouse un interesante resumo do acadado no ano 2012 por esta vibrante comunidade.

O código base resultante é moi diferente do orixinal, xa que varios millóns de liñas de código se engadiron e retiraron, proporcionando novas características, resolución de erros e regresións e acadando o estado da arte actual en proxectos C++, substitución de ferramentas, desprendéndose de métodos e bibliotecas obsoletas e traducindo 25 000 liñas de comentarios no código do alemán ao inglés. Todo isto fai o código máis doado de entender e máis gratificante estar implicado para a maior parte dos novos membros da nosa comunidade.

"LibreOffice 4.0 é un fito na interoperabilidade e unha excelente base para o noso traballo continuo na mellora da interface de usuario", explica Florian Effenberger, presidente do Consello de Administración. "O noso proxecto non só é quen de atraer novos desenvolvedores de xeito regular, senón que tamén crea unha plataforma transparente de cooperación baseada nunha forte ética de software libre, onde os desenvolvedores patrocinados polas empresas e desenvolvedores voluntarios traballan xuntos para acadar o mesmo obxectivo."

Apoiar a Document Foundation

Os usuarios da LibreOffice, defensores do software libre e os membros da comunidade poden apoiar The Document Foundation cunha doazón en http://donate.libreoffice.org. O diñeiro recadado usarase para incrementar a infraestrutura e apoiar as actividades de márketing respecto do coñecemento do proxecto, tanto a nivel global como local.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal