Mancomún

Libreoffice 4.3 xa está aquí máis galega que nunca

Xoves, 31 Xullo 2014

Onte a Document Foundation anunciou a publicación de LibreOffice 4.3, a 8ª edición maior da suite de ofimática libre desde o nacemento do proxecto en setembro de 2010. Esta suite é o resultado do esforzo combinado de milleiros de voluntarios e centos de desenvolvedores co que ten acadado un punto de madurez que a fai adecuada para calquera tipo de desenvolvemento, sobre todo se vén respaldada por servizos de valor engadido do crecente ecosistema da LibreOffice.

LibreOffice 4.3 chega cunha morea de melloras e novas funcionalidades e con máis sabor galego que nunca.

Captura de pantalla de LibreOffice 4.3 en galego

Así, LibreOffice 4.3 está, unha vez máis, dispoñible 100% en galego, como xa vén sendo habitual grazas ao excelente traballo da comunidade de tradución ao galego de LibreOffice, pertencente ao proxecto Trasno.

E ademais, nesta ocasión, podemos salientar a participación da empresa galega Igalia no desenvolvemento de moitas das melloras realizadas no ámbito da accesibilidade e tamén no ámbito da compatibilidade e interoperabilidade co estándar OOXML Strict.
Esta nova versión corresponde á rama “LibreOffice Fresh” que está dirixida a usuarios avezados e ávidos por probar as últimas novidades, e non é a recomendada para contornos de produción ou críticos.

Entre as novas funcionalidades destacan:

  • Interoperabilidade de documentos: compatibilidade con OOXML Strict, melloras nas imaxes OOXML (DrawingML, tipos de letras, preservación de estilos de debuxo e atributos), incorporación de ficheiros OOXML dentro doutro ficheiro OOXML, compatibilidade con 30 novas fórmulas do Excel, compatibilidade con folla de cálculo de MS Works e bases de datos e formatos herdados de Mac como os de ClarisWorks, ClarisResolve, MacWorks, SuperPaint e outros.
  • Xestión de comentarios: os comentarios agora poden imprimirse na marxe do documento, formatados de mellor maneira e importados e exportados – o que inclúe o aniñamento de comentarios- en O ODF, DOC, OOXML e documentos RTF, para un reforzamento da produtividade e dunha mellor colaboración.
  • Manexo intuitivo da folla de cálculo: Calc permite agora a realización de varias tarefas máis intuitivamente, grazas ao realce automático intelixente de fórmulas nas celas, a presentación do número das filas seleccionadas e das columnas na barra de estado, a capacidade de iniciar a edición dunha cela co contido da súa cela superior e de poder seleccionar os modelos de conversión completa de texto por parte do usuario.
  • Modelos 3D en Impress: a compatibilidade dos modelos 3D animados no novo formato glTF e un avance de comptibilidade para ficheiros Collada e kmz que se atopan na Google Warehouse, para engadir un fresco aspecto novidoso e animacións ás presentacións (a compatibilidade desta funcionalidade está actualmente dispoñíble soamente nas versións de Windows e Linux).

Se queredes coñecer en detalle todas as novas funcionalidades e melloras podedes lelas no wiki de Libreoffice tanto en galego como as orixinais en inglés.

Como obter LibreOffice 4.3

En galego: http://gl.libreoffice.org/descarga/

Extensións para LibreOffice con modelos e extensións para complementar ou engadir novas funcionalidades específicas á suite.

Sobre a Document Foundation (TDF)

A Document Foundation é unha organización independente, autogobernada e meritocrática baseada na ética do software libre e inscrita na Alemaña como entidade sen ánimo de lucro. TDF céntrase no desenvolvemento de LibreOffice – a mellor suite ofimática de todos os tempos – escollida pola comunidade global como herdeira lexítima de OOo, e como tal adoptada por un crecente número de administracións, empresas e pemes para produtividade de escritorio.

TDF está accesible a individuos e organizacións que concordan cos seus valores fundamentais e contribúe ás súas actividades. A finais de xuño de 2014, a fundación tiña máis de 200 membros e máis de 3000 colaboradores voluntarios en todo o mundo.

Apoiar á Document Foundation

Os usuarios da LibreOffice, defensores do software libre e os membros da comunidade poden apoiar The Document Foundation cunha doazón en http://donate.libreoffice.org. O diñeiro recadado usarase para incrementar a infraestrutura e apoiar as actividades de márketing respecto do coñecemento do proxecto, tanto a nivel global como local.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal