A raíz da pasada Conferencia de LibreOffice, que tivo lugar en Berna a comezos de setembro, xurdiu unha campaña de crowdfunding para desenvolver en LibreOffice a posibilidade de incluír sinaturas dixitais nos documentos PDF.
O grupo suízo de código aberto Wilhelm Tux mantivo durante a conferencia conversas con desenvolvedores de Libreoffice, e posteriormente contactaron con diferentes organizacións descubrindo que había un alto interese nesta funcionalidade polo que concluíron que a sinatura dixital de documentos PDF era unha demanda real das empresas, administracións públicas e individuos suízos! Así decidiron abrir unha campaña de crowdfunding para recadar fondos que permitiran contratar dito desenvolvemento.
Efectivamente había moito interese xa que en só tres días superouse o seu obxectivo marcado de 10.000 CHF (uns 8000 euros) o que permitirá engadir soporte para sinaturas dixitais en documentos PDF ao LibreOffice. O proxecto se lle atribúe a Collabora, un provedor de servizos TIC de código aberto, que vai entregar a nova funcionalidade en abril de 2015. Ata agora, 90 organizacións, empresas e individuos contribuíron a esta campaña. Un dos patrocinadores é Swiss Post Solutions, unha división do servizo público de correos suízo.
Isto demostra unha vez máis unha das grandes vantaxes do software libre; a capacidade de adaptación e mellora ás nosas necesidades.
Grazas a esta nova funcionalidade, os usuarios de LibreOffice poderán asinar dixitalmente os seus documentos PDF conforme ao estándar de sinatura PDF/A, mais para que estes documentos poidan ser xuridicamente vinculantes, é preciso que a sinatura electrónica vaia acompañada dun selo de tempo, segundo explica Markus Wernig, o presidente do grupo. Esta funcionalidade será engadida se se conseguen máis fondos para poder cubrila, polo que a campaña de doazón permanecerá aberta ata final de ano.
O grupo Wilhelm Tux vén defendendo o uso de software libre, especialmente na administración pública e nas empresas dende hai máis de 10 anos. Así presenta a campaña indicndo que a sinatura dixital de PDFs "é de gran importancia para o intercambio de documentos libre e, polo tanto, debe ser implementada en software libre."
Collabora, a empresa que vai desenvolver esta funcionalidade, escribe nun comunicado, que o éxito da campaña de crowdfunding mostra que "as empresas queren LibreOffice, queren a sinatura dixital, e, dada a oportunidade, están dispostos a pagar por iso. Tamén demostra a liberdade que o ecosistema LibreOffice ofrece ás empresas".
Nos últimos anos, as administracións públicas suíza, alemá e francesa pagaron por proxectos de desenvolvemento para mellorar a suite LibreOffice.
Fonte: Joinup
