O equipo de desenvolvemento de LibrePlan infórmannos da recente publicación da web adicacada á nova adaptación sectorial de LibrePlan orientada á xestión da previsión e execución de custos durante o desenvolvemento de producións audiovisuais: LibrePlan Audiovisual.
Este proxecto naceu da necesidade detectada no sector audiovisual de dispoñer dunha ferramenta que permitira estandarizar a creación de orzamentos de forma colaborativa e que facilitase o control dos desvíos sobre a estimación inicial, tanto en tempo como en custo, frecuentes na elaboración de produtos audiovisuais, solucionando problemas derivados do uso doutras ferramentas non específicas.
Así, Igalia e Wireless Galicia, coa colaboración do Cluster do Audiovisual de Galicia CLAG e cofinanciado con fondos públicos, puxéronse mans á obra. Tomando como base de partida o xestor web de proxectos LibrePlan, traballouse na súa adaptación co obxectivo de cubrir todas as etapas relacionadas coa definición do orzamento, planificación e seguimento, dende o punto de vista do control dos gastos.
Logo de meses de traballo, o produto xa é está dispoñible a través da sección específica para o Audiovisual dentro da web do proxecto LibrePlan.
Ademais hoxe 23 de novembro, no Edificio Ágora de A Coruña estarán presentando o seu produto participando no VII Pitching "I+P Ideas para producir", xornada de exposición de proxectos e entrevistas one to one entre empresas e participantes individuais do sector audiovisual, organizada polo Cluster do Audiovisual de Galicia en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de A Coruña.
As principais características de Libreplan Audiovisual son:
- Sistema de modelos de orzamento: crea novos proxectos a partir de modelos de orzamento configurables nos que organizar os elementos e subelementos nos que se estruturarán os custos. Parte do modelo ICAA preconfigurado en LibrePlan para crear de forma sinxela e uniforme os novos orzamentos.
- Plan de execución do orzamento: Realiza a previsión temporal do gasto dos items do orzamento, e compáraa cos gastos reais que se producen para realizar os axustes necesarios.
- Administración avanzada de previsións e custos: Distribúe de forma manual as previsións de gasto no intervalo do proxecto co nivel de granularidade temporal que se desexe. Incorpora os gastos que se producen en tempo real mediante un sistema de partes de custo. Integra LibrePlan Audiovisual con outras ferramentas implantadas na organización a través dun mecanismo baseado en servizos web.
- Perspectiva de produtividade de rodaxe: Contrasta as produtividades no proceso de elaboración do produto multimedia a desenvolver en función de diferentes tipos de unidades (escenas, minutos ou páxinas de guión). Define un plan de rodaxe inicial, especificando as produtividades estimadas para cada día, compáraas coas reais e xera novas previsións actualizadas.
- Informes de planificación e gastos: Xera informes imprimibles e descargables nos que se mostra a información do estado de execución do proxecto.
- Plan de pagos e fluxo de caixa de proxecto: Planifica os pagos dos gastos reportados de forma inmediata, cunha marxe fixa de días ou manualmente, a nivel de proxecto ou por tarefa. Consulta a información das saídas de tesouraría debidas ao proxecto segundo o plan de pagos definido.
Igual que LibrePlan, LibrePlan Audiovisual é Software Libre con licenza AGPL, e pode probarse na súa web na demo online, profundar nas súas características, ver a documentación ou descargalo. Do mesmo modo, tamén están dispoñibles todos os servizos ofrecidos na web de LibrePlan relativos ao seu uso na nube, formación, personalización ou soporte.
