Fai pouco falabamos nesta páxina de aplicativos libres para guitarristas, e entre eles falabamos de algúns aplicativos que nos poden axudar a afinar a guitarra. Xa mencionamos GuiTuner, Jtuner , Gstring e o incorporado no TuxGuitar, e hoxe falaremos doutro aplicativo deseñado especificamente para a afinación de instrumentos: LINGOT.
LINGOT (nome que significa “LINGOT Is Not a Guitar-Only Tuner”, “LINGOT non é un afinador só para guitarra”, formando un acrónimo recursivo) é un afinador de instrumentos musicais. É preciso, fácil de usar e moi configurábel. Orixinalmente foi concibido para a afinación de guitarras eléctricas, pero a súa configurabilidade permite empregalo para afinar calquera instrumento que se nos ocorra.
No tocante ao aspecto gráfico, LINGOT ten a aparencia dun afinador analóxico, cun indicador que nos mostrará o desprazamento sobre unha determinada nota (que o aplicativo atopará automaticamente, identificando a nota máis preto da frecuencia estimada do son), indicando a nota e a súa frecuencia.
O aplicativo conta coas seguintes características:
- É moi preciso
- Sinxelo de empregar: simplemente enchufar o instrumento e executar o afinador
- Altamente configurábel a través da interface gráfica. Pódese cambiar calquera parámetro co programa funcionando, sen editar ningún ficheiro
- Funciona de xeito automatico: non é necesario especificar a nota que imos afinar, xa que o programa adiviñaraa por nos.
- É software libre, baixo a licenza GPL
- Con LINGOT pódense afinar outros instrumentos, non só guitarras: pianos, baixos, violíns…
E, no apartado de requirimentos do sistema, atopamos os seguintes:
- Un computador con GNU/Linux. Un sistema “modesto” debería bastar: un computador Pentium a 200 MHz ou similar debería servirnos.
- Unha tarxeta de son con entrada de micrófono ou liña
- Compatibilidade cos sistemas de audio Jack ou OSS
- Bibliotecas GTK+, versión 2.0 ou superior.
Este programa foi desenvolvido orixinalmente polos galegos Ibán Cereijo-Graña e Jairo Chapela-Martínez.
