Mancomún

Linux Mint xa ten réplica en Galicia, grazas á OSL do CIXUG

Martes, 3 Setembro 2013

Capura de pantalla nas descargas de MintA OSL do CIXUG informa que vén de rematar a configuración e posta en funcionamento no seu servidor de réplicas, posto en marcha hai aproximadamente un ano, da primeira réplica do proxecto Linux Mint no noso país.

Grazas a esta réplica calquera usuario galego que queira descargar a distribución Linux Mint poderá facelo dende este servidor albergado fisicamente na UDC, coa vantaxe da proximidade e a capacidade do servizo. Na imaxe pode verse como a OSL do CIXUG figura entre os posibles sitios de onde descargar os distintos ficheiros ISO da distribución , sendo o único dispoñible en Galicia e España. A día de hoxe, o espazo necesario para replicar as versións dispoñibles de Linux Mint acadan un total de 143 GB.

Dende a OSL, afirman que con esta nova réplica contribúen ao promover o coñecemento da distribución no ámbito universitario, e cumpren cos obxectivo da OSL de apoiar os proxectos libres que requiran de promoción dentro da comunidade universitaria galega.
Linux Mint é unha distribución GNU/Linux baseada en Debian e Ubuntu, que ten como obxectivo achegar aos seus usuarios un sistema operativo moderno, elegante e doado de utilizar. Comeza no ano 2006, e actualmente é o cuarto sistema máis utilizado, despois de Windows, Apple Mac OS e Ubuntu, e o primeiro en descargas de sistemas GNU/Linux segundo o ranking de Distrowatch.

Están dispoñibles tódalas versións publicadas ata o momento, dende o lanzamento da 3.1 ata a última versión estable, 15 Olivia. É posible obter versión para procesadores de 32 ou 64 bits, e con escritorio Cinnamon, Mate, KDE ou XFCE. Tamén é posible descargar a versión Linux Mint Debian Edition (LMDE), que ao ser compatible cos repositorios de Debian Testing (non con Ubuntu), convértena nunha distribución semi-rolling, evitando ter que reinstalar o sistema cada vez que se publica unha nova versión.

O mantemento e actualización do servidor de réplicas forma parte das actividades que a OSL do CIXUG se comprometeu a realizar ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa AMTEGA e que están incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal