Mancomún

Linux para introducir o concepto de "liberdade" no cárcere

Mércores, 27 Maio 2009

Unha prisión australiana instalará 30 PC con Ubuntu preinstalado

PrisonPCPor paradoxal que poida parecer, Ubuntu será o sistema operativo escollido por unha prisión de Canberra (Australia) para “limitar a liberdade dos seus presos” en materia de computación. O persoal da prisión Alexander Maconochie anunciou recentemente que esta semana terá operativos un total de trinta computadores con Ubuntu preinstalado para que os que están cumprindo alí a súa pena poidan ter acceso -limitado, iso si- ao correo electrónico e a Internet.

Os PC estarán especialmente deseñados para este particular destino, baixo o nome de PrisonPC. O computador creado por unha consultora de Melbourne, Cybersource, xa foran instalados nunha primeira fase inicial no Centro de formación e a biblioteca da prisión.

Nesta fase, máis ambiciosa, cada ordenador poderá ser utilizado por parte dos presos pertencentes a ás determinadas de celas. Os reclusos terán acceso a certos sitios web mediante unha lista branca de webs permitidas. O mesmo sucederá cos correos electrónicos, posto que só poderán enviar mensaxes a contactos aprobados polos supervisores destes computadores.
Andreas Wullen, un dos encargados da implantación, indicou que “os PC funcionan con Ubuntu, así que non nos temos que preocupar de licenzas doutros sistemas operativos ou de software. O apartado software do sistema é totalmente gratuito para nós”.

Por outra banda, o cárcere ofrece un completo programa de formación no que se inclúen aplicativos de KDE e GNOME, OpenOffice.org, Firefox… entre outros máis especializados, pero todos libres.

Wullen, no entanto, indicou que se optou por unha interface similar á de Windows para que os prisioneiros poidan logo aplicar o aprendido tanto en Ubuntu como en ordenadores con Windows unha vez cumpran a súa condena.

Fonte: ITNews Australia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal