Vemos na web do Goolge summer of code (GSoC) 2008 que xa está publicada a lista de organizacións mentoras participantes este ano. Como cada ano esta lista medra e o número de organizacións chega ata as 175.
Ao lado de cada unha de elas está a ligazón ao wiki no que se poden ver as ideas propostas por cada proxecto para ser programadas ao abeiro deste programa.
Agora ábrese o prazo para que os estudantes presenten as súas solicitudes de participación. Deberán facelo entre o 24 e o 31 de marzo de 2008.
Deben buscar entre a lista de organizacións o proxecto que máis lle interese e enviar a través da web do GSoC a súa proposta. Debe indicar por que quere completar ese proxecto en particular e por que cre que é a mellor persoa para facelo. Hai que indicar tamén os datos académicos ou a experiencia que se posúe en desenvolvementos de código aberto, e todo o que poida aportar para convencer ao mentor de que é o mellor candidato.
Lembrade que Google pagará ata 4500 $ a cada estudante aceptado segundo a planificación seguinte:
- 500 $ antes de comezar a codificación o 26 de maio.
- 2000$ pouco despois do 14 de xullo, se pasan as avaliacións correspondentes á metade do desenvolvemento do proxecto.
- E outros 2000$ se pasan con éxito a avaliación final do proxecto que ten lugar o 1 de setembro.
Fonte: GSoC 2008
