LuckyBackup é unha ferramenta para facer copias de seguranza e sincronizacións de ficheiros potente, rápida e fiábel.
LuckyBackup é fácil de empregar, rápido (só transfire os cambios que houbese, non todos os datos), seguro (verifica todos os directorios declarados antes de efectuar ningunha manipulación de datos), fiábel e moi personalizábel.
Esta é unha lista de funcións que permite realizar luckyBackup:
- Copias de seguranza.
- Sincronizacións de ficheiros entre diferentes computadores.
- Opcións simples/avanzadas. O diálogo de engadir/modificar accións é realmente simple, mais pulsando no botón de “avanzado” mostrarásenos unha morea de novas opcións.
- Excluír calquera ficheiro, directorio ou patrón da transferencia (copia ou sincronización).
- Opción de “incluír só”, para copiar só ficheiros específicos.
- Compatibilidade con conexións remotas, tanto para empregar como orixe ou como destino das transferencias.
- Planificación, empregando tarefas de cron.
- …
Esta ferramenta obtivo o terceiro posto nos premios sourceforge community choice awards, na categoría de “mellor proxecto novo”.
En Mancomún xa tivemos ocasión de mencionar outras ferramentas de copia de seguranza, e luckyBackup é unha excelente alternativa cando se trata de manter os nosos datos a salvo.
