A asociación makers.lugo únese por segundo ano ás celebracións globais do Arduino Day 2015, nas que máis de 250 cidades contarán con eventos para conmemorar a creación desta plataforma de hardware libre.
Makers.lugo organiza pois o vindeiro sábado 28 de Marzo un evento aberto e para todos os públicos, no que se haberá unha exposición de distintas iniciativas relacionadas con Arduino, provenientes de toda Galicia. Haberá makers chegados de todos os recunchos de Galicia: Coruña, Pontevedra, Santiago, Ourense, Vigo, … que configuran unha axenda do máis interesante.
Ao longo de todo o día, os visitantes poderán coñecer unha ampla variedade de proxectos, dende impresoras 3D ata control enerxético do fogar, pasando por robótica educativa, árbores de nadal ou invernadoiros controlados por Arduino.
A exposición terá lugar no Centro Uxío Novoneyra, a partir das 10:00 horas prolongándose ata as 19:30 horas coa seguinte axenda:
- Exposición aberta con demostracións: 10:00/13:30 e 16:30/19:30
- Presentación de proxectos: 11:30/12:30 e 17:30/18:30
Os interesados en obter máis información sobre o evento poden contactar con Andrés Maneiro (andres.maneiro @ gmail . com) co-fundador da asociación makers.lugo e membro do comité de organización do Arduino Day na cidade.
Sobre a asociación makers.lugo
makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en Xaneiro de 2014, que forma parte do movemento maker. Ten como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a Hardware e Software Libre.
Coñécese como movemento maker á cultura de “Fágao vostede mesmo”, do inglés “Do It Yourself” (DIY). Maker é un termo acuñado por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista “Make:”, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fab labs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e afeccionados de todo o mundo compartindo ideas e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.
O movemento maker non é máis que un novo avatar dunha característica profundamente humana: construír cousas coas nosas propias mans, en comunidade.
Sobre Arduino
Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento, deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos, que integren elementos electrónicos.
Hai máis de 10 anos no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea, Arduino foi creado como ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Na última década, estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento maker.
