Mancomún

Madrid inaugurará en xuño o Centro de Software Libre de Madrid, "Madrid on Rails"

Luns, 25 Maio 2009

Catedral das Novas TecnoloxíasO Concello de Madrid inaugurará o vindeiro 3 de xuño o seu propio Centro de Software Libre, o cal, como xa anunciara anteriormente Mancomún, precederá ao ambicioso proxecto da Catedral das Novas Tecnoloxías da capital española. Aínda que o Centro xa foi presentado no mes de marzo, non se oficializará ata a celebración deste acto no que estará presente o director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, David Cierco, así como diferentes personalidades no ámbito das tecnoloxías da información e o software libre ou do propio goberno local.

Na presentación do Centro que tivo lugar en marzo, Alejandro Arranz, director de Innovación do Concello de Madrid explicaba que “Madrid on Rails é un centro de Excelencia e Difusión de tecnoloxías abertas e supón a extensión e uso das TIC de Concello cara a fóra”.

O Centro é unha iniciativa previa ao proxecto da Catedral das Novas Tecnoloxías, que se converterá nun proxecto innovador en código aberto moi ligado ao ámbito da Peme e ao concepto de “software como servizo”, e simplicidade tanto no desenvolvemento como na funcionalidade.
"Trátase de loitar", segundo explicaron, “contra o problema de que a Peme non existe no mercado e hai que traballar para a súa mobilización tecnolóxica”. Esa é a clave que levou ao Concello de Madrid a abrir a vía da Catedral e do Centro de Ruby.

Neste senso, o nome do centro, Madrid On Rails, é totalmente intencionado, empregando como pedra de base a linguaxe Ruby. Algo que, por outra banda, ten xerado opinións encontradas entre as empresas que traballan con software libre, posto que condiciona en moitos sentidos a evolución do centro.

O Centro disporá dunha zona de demostración para usuarios, unha de descanso, na que poder organizar xornadas tecnolóxicas e reunións das entidades que colaboren con esta ou con outra de formación.

En canto ás metas que o Centro ha de conseguir durante o primeiro ano de funcionamento, cómpre destacar a súa aceptación notábel entre a comunidade de software libre, a súa valoración moi favorábel pola Peme, o éxito dos proxectos desenvolvidos e que poida recibir propostas para loitar contra a fenda dixital da Peme.

Estas metas determinarán a continuidade do Centro ata o 2011, integrándose na Catedral cando esta abra as súas portas. De momento, xa se empezaron a impartir os cursos en liña de Ruby e está planificado un completo calendario para os próximos meses, que se farán públicos o día da inauguración.

Fonte: Gaceta Tecnolóxica

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal