A familia de consolas portátiles GP2X xurdiu como sucesora do dispositivo coñecido como GP32, unha consola portátil de 32 bits que veu a luz no ano 2001. A GP32 foi a primeira consola portátil orientada e baseada no software libre.

As consolas da familia GP2X, que apareceu no ano 2005, foron deseñadas tanto para o desenvolvemento comercial de xogos como para o desenvolvemento caseiro. Ao contar cunha arquitectura aberta, permitía que calquera desenvolvese e executase aplicativos no dispositivo de xeito sinxelo. Moi pronto se comezou a empregar a GP2X para executar coñecidos emuladores de outros sistemas de xogos, coma o coñecido sistema MAME.
Dentro do que chamamos “a familia GP2X” estarían os dous modelos GP2X F100, GP2X F200, e a sucesora de ambas, a GP2X Wiz, que saíu ao mercado en maio deste mesmo ano.
A GP2X F100, que ía equipada cun sistema operativo baseado en GNU/Linux, contaba coas seguintes características técnicas de hardware:
- Unha CPU ARM920T a 200Mhz, cun coprocesador programábel ARM940T a 200 Mhz
- Unha unidade ROM NAND Flash de 64 MB
- 64 MB de RAM
- Conexión con computadores persoais a través de USB 2.0
- Pantalla TFT LCD de 3,5 polgadas a 320x240px, e ata 65.536 cores
- Saída de TV
Para a saída da GP2X F200, engadíronse as seguintes melloras:
- Ampliouse o almacenamento interno a 128 MB
- Engadiuse unha pantalla táctil
- Reducíronse lixeiramente as dimensións do trebello
A GP2X Wiz, chamada a ser a seguinte xeración da familia, conta coas seguintes características de hardware:
- CPU ARM9 a 533MHz
- Aceleración 3D
- 64MB de RAM
- Unha memoria flash de 1GB, e posibilidade de usar unha tarxeta SD como almacenamento externo
- Pantalla OLED de 2,8 polgadas cunha resolución de 320×240
Como funcións adicionais, este dispositivo leva incorporados:
Flash Player 8.0, software de calendario, calculadora (de ata 13 díxitos), alarmas, gravación de voz, visualizador de E-Books, de comics, de fotografías, e un reprodutor de música.
