Mancomún

Máis do 84% das pemes galegas empregan Software Libre

Luns, 23 Maio 2016
  • Os programas libres con maior implantación son os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas
  • O crecemento do Software Libre nas empresas informáticas galegas continúa a súa escalada, incrementándose en 2 puntos no último ano e situándose no 86,7%
  • No último ano aumentou en máis de 7 puntos a porcentaxe de empresas informáticas, provedoras de solucións TIC, que venden Servidores web e Servidores de correo
  • Máis da metade das empresas informáticas galegas considera que a tendencia de software libre no mercado será expansiva

O uso do Software Libre nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades Autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco. No caso das microempresas a porcentaxe de uso é menor, aínda que segue a incrementarse respecto a 2014, e acada o 52,1%.

Imaxe do resumo executivo do uso de software libre nas pemes TIC no 2015

En canto ás empresas informáticas galegas, o uso do Software Libre crece en 2 puntos respecto ao ano anterior e sitúase no 86,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre “O uso de Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015”, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Estes estudos enmárcanse nas actuacións de impulso do Software libre que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que desenvolve a Amtega.
En termos evolutivos, os datos dos estudos amosan tamén que o uso do Software libre nas empresas informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos ordenadores e 3,6 puntos nos servidores. Cómpre salientar que a porcentaxe de empresas informáticas con servidores que empregan sistemas operativos libres supera a porcentaxe das que empregan sistemas operativos privativos.

Tipoloxía de software empregado

Os programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. No último ano, incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas operativos de Software libre nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%). Este indicador tamén sube lixeiramente entre as microempresas galegas chegando ata o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior).

A comparativa entre Software Libre e Software Privativo nas empresas informáticas galegas mostra que o Software Libre é maioritario, cunha diferenza substancial, no que se refire a software para a “Xestión de contidos web”, superando ao Privativo en 16,7 puntos porcentuais. As aplicacións de Software Libre para a “Educación e formación a distancia”, “Desenvolvemento de software” e “Aplicacións de deseño gráfico” superan tamén ás correspondentes aplicacións de Software Privativo.

Non obstante, o Software Privativo supera amplamente ao Libre no caso das aplicacións: “Xestión de correo”, os “Antivirus e seguridade”, “Ofimática” e a “Xestión empresarial”.

As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC

Entre as empresas informáticas galegas que se adican á venta de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes, principalmente: “Sistema de xestión de bases de datos” (37,6%), “Servidor web” (37%) e os sistemas de “Xestión de contidos de portais e páxinas web” (36,2%).

Constátase unha evolución dos produtos de software libre ofertados no último ano, cun incremento de máis de 7 puntos porcentuais na porcentaxe de empresas informáticas que ofrecen os seus servizos sobre Servidores web e Servidores de correo con licenza libre. O Software vinculado á optimización da xestión empresarial tamén experimentou un forte impulso no último ano, cun aumento de 4,3 puntos no caso da “Xestión de procesos de negocio, BPM” e de 3,3 puntos nas aplicacións de “Intelixencia de negocio, BI”.

Debilidades e fortalezas do software libre

A “Incompatibillidade cos sistemas e interlocutores actuais”, a “Complexidade ou o risco do cambio” e a “Falta de formación” son as principais barreiras que argumentan as empresas galegas para non empregar Software Libre.

Entre as medidas máis citadas polas empresas informáticas para promocionar o uso do Software Libre continúan a ser un ano máis as “Axudas e subvencións” cun 38,1%, xunto coa de “Formación directa aos usuarios/as en Software Libre” (32,6%) e a “Demostración de funcionamento dos produtos SL” (32,3%)..

En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do Software Libre son: o custo, cun 79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).

As empresas son optimistas de cara a expansión do modelo de negocio de Software Libre: O 50,8% das empresas informáticas galegas apostan por unha tendencia positiva de uso do Software Libre no mercado, considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na actualidade non comercializan con Software Libre, afirman que nos próximos dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

Informes de uso de Software Libre nas empresas TIC 2015

Resumo executivo

Descargar informe completo

Informes do uso de Software Libre nas pemes 2015

Resumo executivo

Descargar informe completo

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal