Mancomún

Máis sobre o XGN e o Entrans

Luns, 17 Marzo 2008

Como informamos onte brevemente, grazas aos voluntarios que adicaron parte das súas horas de lecer no XGN a traducir no Entrans, conseguiuse traducir as máis de 1500 cadeas da interface da futura versión 3.0 do OpenOffice.org, cuxo lanzamento está previsto para outubro de 2008. Mais iso non foi todo.

En previsión de que se conseguise o reto, e para que ninguén se quedara sen a posibilidade de traducir e participar no sorteo do concurso, o equipo de mancomún subimos ao Entrans moitos máis proxectos nos que tamén se avanzou bastante na súa tradución durante o XGN. Así, entre outras, traducíronse case 400 cadeas do Celestia , proxecto de código aberto de simulación do espazo que permite explorar o noso universo en tres dimensións; case 200 cadeas do futuro Firefox 3.0 e outras tantas do QDVDAuthor, aplicación para a creación de DVDs con menús doadamente.

Dende mancomún queremos agradecer unha vez máis a boa acollida que tivo o noso reto e a estupenda resposta ao mesmo como demostran os números anteriores. Informámosvos tamén que todos estes proxectos van seguir dispoñibles no Entrans para que todos os que queirades seguir colaborando o poidades facer e xuntos conseguir o maior número de aplicacións libres e en galego.

 

Entre os proxectos dispoñibles no Entrans, ademais dos “vellos coñecidos” nos que xa colaborastes en versións anteriores, (Firefox ou Pidgin) incluímos novos programas que nos pareceron interesantes para ofertar alternativas libres e en galego á xente usuaria de Windows que queira migrar a Linux e que aínda non estaban completamente en galego. A maioría deles xurdiron da resposta a consultas que nos fixeron os usuarios nos foros de soporte .

Proxectos dispoñibles agora mesmo (ademais dos xa mencionados):

  • Audacity : Editor de audio multiplataforma que o ano pasado recibiu o premio de Sourceforge como o mellor proxecto multimedia.
  • Kdenlive : Editor de vídeo non lineal para o contorno KDE. Nalgunhas páxinas de alternativas libres o presentan como alternativa ao Adobe Premiere aínda que nós o atopamos buscando alternativas ao sinxelo editor de vídeo Windows Movie Maker.
  • Nvu : Ferramenta multiplataforma para o desenvolvemento web. Unha das múltiples alternativas ao FrontPage ou ao Dreamweaver.
  • Pdfedit : Aplicación que permite a edición simple de documentos pdf dende a interface gráfica, e unha edición máis complexa mediante a creación de scripts.
  • xsane : Interface gráfica para traballar con escáneres empregando a biblioteca Sane .
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal