
Como xa vos anuciamos, a asociación Trasno celebra mañá sábado día 28 de maio a Trasnada 11.0 na Casa da Xuventude de Ourense. Non perdades a ocasión de asistir e coñecer de primeira man o traballo de tradución de software libre ao galego e unirvos a esta comunidade.
A trasnada é o evento que reune aos tradutores de software libre ao galego, celebrado por vez primeira o pasado ano en Ordes, I festival de tradución de software libre ao galego; Trasnada 10, desta volta a súa segunda edición celebrase na cidade das Burgas. Alí danse cita os membros desta asociación para fixar terminoloxía e expor ao público o seu traballo.
A trasnada serve de punto de encontro para tradutores de software libre, aqueles que traballamos baixo o paraugas do Proxecto Trasno. O evento serve de sesión de traballo. Estando enfocados en producir calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía no ámbito da tradución. Por outra banda, serve de escaparate ao público que queira coñecer o proxecto, a xente que o conforma e como punto de aprendizaxe para todos os interesados en colaborar na localización.
Programa da xornada
1. Sesión de Mañá:
Destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática
Lugar: Sala 4º, Casa da Xuventude
- 10:00 Apertura da Xornada
- 10:15 Preparación da sesión terminolóxica
- 11:30 Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto Trasno
- 14:00 Descanso para comer
2. Sesión de Tarde
Espazo 1
Lugar: Sala 4º, Casa da Xuventude
Destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática
- 16.30 Sesión de terminoloxía (cont.)
- 18:00 Hackmeeting: Sesión de coordinación de equipos de tradución e traballo en proxectos específicos.
- 20:00 Peche da sesión
Espazo 2
Lugar: Aula de Vídeo, Casa da Xuventude
Destinada a: público xeral
- 16:30 "11 anos de Proxecto Trasno" – Relatorio sobre que é o proxecto e que fai e cal foi a súa historia nesta última década de traballo inenterrompido
- 17:30 "Introdución á tradución de software libre" – obradoiro teórico práctico sobre localización ao galego.
- 19:00 Sorteo dun agasallo tecnolóxico basado en ferramentas libres a un dos asistentes. Haberá outros agasallos para todos os asistentes.
- 20:00 Peche da xornada
Que necesito para ir á trasnada?
Tanto se vas á xornada de terminoloxía coma a aos relatorios para público xeral é recomendable levar o teu equipo portátil.
Pódese seguir a través da rede?
Os membros da asociación poderán seguir e participar no evento polas canles IRC do proxecto. As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais.
Dende Trasno animan a estar moi atentos ás redes e a interactuar con eles ese día!.
O relatorio de "11 anos de Proxecto Trasno" subirase ao web con posterioridade.
A Trasnada forma parte das actividades que Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
