A asociación Inestable de Ordes celebra por segundo ano consecutivo o Festival de Curtametraxes Creative Commons, Cinestable os próximos días 4 e 5 de agosto na vila de Ordes.
O xoves 4 de agosto Nicolás Alcalá Schächter, director do filme El Cosmonauta, distribuído con licenza Creative Commons dará unha charla na que falará do filme que está a realizar mediante Crowd Funding. A charla terá lugar nos Baixos da Alameda de Ordes ás 20:00 horas.
O venres 5 de Agosto ás 19:00 horas comezará na Casa da Cultura de Ordes a proxección pública das preto de 40 obras que participan este ano no concurso de lugares como Basilea, Santa Fe, Valencia, Portugal, Madrid, Alacante, París, Bruxelas, Colombia, Estocolmo, Santander, Oviedo…. Todas elas teñen en común que serán distribuídas con licenza Creative Commons, sendo a súa temática variada e cunha duración entre 2 e 10 minutos.
Haberá unha curta gañadora escollida polo xurado, un premio á mellor curta en galego concedido pola Asociación Trasno e outra curta escollida polo público asistente quen poderá decidir, logo da exposición das obras, cal é na súa opinión a mellor obra ao tempo que participa no sorteo dunhas entradas para o festival Brincadeira.
No mesmo acto anunciaranse tamén os gañadores do concurso de fotografía con licenza libre FreeLens e posteriormente celebrarase unha Closing Party no Vinilo á que estades todos convidados.
A pasada edición tivo unha gran acollida de público polo que vos animamos a que vos acheguedes este xoves e venres ata Ordes.
Tanto o Cinestable como o Freelens forman parte das actividades que que Inestable desenvolve ao abeiro do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
