Un dos maiores eventos europeos do software libre e aberto co foco posto no ambiente empresarial e profesional é a OpenExpo Europe que se celebra en Madrid mañá xoves 20 de xuño dende as 9:00 ata as 22:00.
Trátase da sexta entrega dun encontro de ámbito empresarial no que se celebran varios eventos entorno a tecnoloxías libres e/ou abertas relacionadas coa innovación que reunirá a máis de 3500 profesionais de distintos sectores.
Durante toda a xornada teñen lugar unha morea de actividades entre as que se destacan:
- Feira de empresas con postos de empresas e organizacións de recoñecido prestixio con algunha relación ou ben co software libre, aberto ou datos abertos. Dentro da feira tamén existe un programa de actividades paralelo.
- Congreso sobre tecnoloxías abertas con máis de 100 relatorios organizados en 10 salas que estarán impartidos por máis de 150 relatores, con distintos formatos e tanto en castelán como en inglés, o programa das charlas está dispoñible nesta ligazón.
- Premios “Open Awards” 2019 que recompensan a diversos proxectos, persoas, ou entidades que destacaran no último ano en 12 categorías.
Ademais destas actividades principais tamén hai unha eventos en paralelo (Cybersecurity forum, OpenCIO Summit, AI & IOT Summit, Fintech forum, e OpenTech Conference), espazo para reunións de negocios así como un espazo para entrevistas para a captación de talento.
Pódese atopar máis información sobre o evento na súa páxina web dende a cal tamén se poden adquirir as entradas ao mesmo.
