Mañá 30 de setembro é o último día para inscribirse ao Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, convocado pola Amtega.

Unha vez rematado o prazo, o xurado seleccionará aos finalistas que presentarán o seu traballo no acto de resolución do premio que se celebrará o día 23 de outubro de 2015, a partir das 15:30 horas, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela
A día de hoxe hai xa 7 participantes inscritos e agardamos recibir mais inscricións de última hora dos proxectos defendidos nas convocatorias de setembro como ten sucedido en anos anteriores. Dende aquí animamos a todos os que teñan presentado proxecto de fin de carreira, fin de grao ou fin de mestrado que se animen a participar neste premio.
Lembrar que o premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ outorgado polo CIXUG (Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria) e a posibilidade de conceder un segundo premio de 750€, outorgado pola asociación universitaria GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux).
Acto de resolución do premio
Unha vez pechado o prazo de inscrición revisaranse todas as candidaturas e o xurado realizará a selección dos finalistas que deberán facer unha breve presentación ante o xurado do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro, etc. Trala presentación, o xurado disporá da súa quenda para realizar as preguntas que estime oportunas e unha vez finalizadas todas as presentacións e trala oportuna deliberación, o xurado e emitirá a súa resolución respecto da concesión do premio.
Acorde co obxectivo do premio, e segundo se recolle nas bases do mesmo, os aspectos que o xurado terá en conta á hora de tomar a súa decisión, ademais da calidade do proxecto no seu deseño e implementación, son os relativos ao nivel de actividade pública do PFC. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais. Valorarase a colaboración con outros proxectos de software libre así como a correcta elección dunha licenza libre.
Este acto de resolución do premio celebrarase o día 23 de outubro de 2015, a partir das 15:30 horas, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre
Está é a VIII edición deste premio que ten por obxectivo o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (http://www.mancomun.org/premiopfc/). Así mesmo pode contactarse coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2015.
