Mancomún

Mancomún achega o software libre aos futuros profesionais da Comarca do Salnés

Venres, 6 Febreiro 2009

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre impartiu esta mañá no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa unha charla en volta do software libre e a súa aplicación na pequena e mediana empresa (PEME).

A iniciativa, promovida pola dinamizadora da Rede de Dinamización na Comarca do Salnés -Eliana Bouzas, tiña como obxectivo achegar as tecnoloxías e os estándares abertos ao alumnado de ciclos superiores de FP que están a cursar estudos relacionados co eido empresarial e que, previsiblemente, desenvolverá no futuro a súa actividade profesional na zona, tanto como persoal contratado como dirixindo a súa propia empresa.

Con esta medida, que Mancomún continuará a poñer en práctica noutros centros educativos galegos, búscase introducir o software libre no tecido empresarial da zona educando dende a base aos futuros profesionais.
Nesta ocasión, foron preto de 60 estudantes os que asistiron á charla impartida polo técnico de Mancomún, Jose Manuel Castroagudín. Os contidos sobre os que versou o seu relatorio centráronse en ofrecer unha perspectiva práctica do software libre cara á súa implantación no ámbito empresarial, aínda que previamente foron introducidos na definición desta filosofía e da súa evolución histórica.

Ademais, Castroagudín explicou os obxectivos do proxecto Mancomún e, xa máis na liña da materia da charla, presentou o “DVD de ferramentas informáticas para a PEME”.

Previamente, a dinamizadora da zona presentoulles ao auditorio participante o proxecto da Rede de Dinamización, pertencente tamén á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

Mancomún volverá ofrecer unha charla o vindeiro día 12 de febreiro no IES A Pinguela en Monforte de Lemos. O relatorio “Facendo Galinux” presentaralles aos alumnos do Instituto as características e as funcionalidades do Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas e en galego desenvolvido por Mancomún.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal