Mancomún

Mancomún achega un tutorial para a instalación "sen esperas" de Firefox 3.5 en Linux

Xoves, 2 Xullo 2009

FirefoxDespois dun cambio de número, algunhas versións beta e varias versións candidatas, as cales foron sendo seguidas pacientemente polos seus usuarios -e mesmo probadas e corrixidas polos desenvolvedores máis afíns-, a Fundación Mozilla publicou esta semana a versión final de Firefox 3.5. Para todas estas persoas o navegador xa estará máis que integrado no seu computador, pero para os menos iniciados no mundo dos sistemas operativos libres a pregunta xorde agora: como instalo o novo navegador no meu Linux (Galinux, Ubuntu, Debian…)?

A opción máis sinxela sería esperar a que entrase nos repositorios oficiais da súa distribución, pero para os que non queiran agardar, Mancomún achega a través do seu wiki un sinxelo tutorial e un vídeo explicativo nos que se indican, paso a paso, como instalar de xeito sinxelo e rápido a nova versión de Firefox en galego descargado dende a páxina de Mozilla.

No entanto, na rede tamén se dan conta doutras alternativas, iso si, botando man de comandos dende a consola (empregando un repositorio PPA, cun único comando…)
Motivos para non esperar máis para probar Firefox 3.5

Aínda que a nova versión do navegador poida non ter cambiado de forma radical en canto a súa apariencia, a cantidade de novas funcións que incorpora o converten en algo moi superior á súa anterior versión.

As descargas conseguidas ata o de agora acreditan este feito. En 24 horas a Fundación Mozilla acadara superar os cinco millóns de descargas en todo o mundo e no momento da redacción desta nova a cifra xa superaba os sete millóns (en España máis de 175 mil). Estas cantidades poden seguirse en tempo real a través da páxina creada por Mozilla.

Ademais, a nova versión de Firefox 3.5 está dispoñíbel para a súa descarga en máis de 70 linguas. Entre elas, o galego grazas a labor realizada pola comunidade de tradución de software libre ao galego baixo a coordinación de Mancomún.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal