A versión publicada hoxe introduce numerosas melloras ao estar baseada na nova Ubuntu 8.10
![]()
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza publica hoxe a actualización do AraOS o metapaquete que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego, desenvolvido por Mancomún e promovido dende a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Aínda que o lanzamento do AraOS se viu un tanto eclipsado pola chegada, case inmediata, do Galinux, o metapaquete continúa a ser un dos produtos estrela do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza -tanto por ter sido a pedra angular no traballo de desenvolvemento e de prototipado do propio Galinux como polo servizo que segue a prestar en sectores concretos da Administración e do tecido empresarial galego- e así o pon de manifesto esta publicación que permitirá actualizar o anterior AraOS á nova Ubuntu 8.10, na que está baseada.
Con esta iniciativa, Mancomún quere reforzar o seu compromiso de achegar á comunidade de desenvolvemento de software libre en galego unha innovación tecnolóxica capaz de fornecer unha configuración canónica de escritorio ofimático multimedia en galego -susceptíbel de ser portada para as distintas distribucións existentes e capaz de ser reutilizado libremente por terceiros xerando distribucións, CD vivos ou calquera outra ferramenta que puidera resultar adecuada ás súas propias necesidades- pero capaz, asemade, de cumprir cos requisitos de mellora e de actualización constante que a propia dinámica do software libre require.
Segundo esta idea, a nova versión de AraOS será a primeira de toda unha serie de actualizacións, que virán marcadas polo calendario de liberacións de Ubuntu ou, de ser o caso, polas iniciativas que xurdan ben para mellorar o AraOS, ben para portalo a outras distribucións.
O AraOS 8.10 pode probarse instalando os paquetes nunha Ubuntu xa instalada. En breve poñeremos dispoñible tamén a ISO do CD vivo.
Araos, innovación tecnolóxica para a galeguización dos escritorios do noso país
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, en colaboración con toda a comunidade galega de software libre e especialmente co grupo de tradución ao galego de Ubuntu, comezou o desenvolvemento do Araos a comezos do pasado o ano co obxecto de dar resposta á crecente demanda que, tanto por parte da cidadanía como das empresas e de distintos sectores das administración pública galega, estaba a manifestarse en volta á idea dun escritorio ofimático multimedia en galego.
O metapaquete AraOS, que se basea na distribución Ubuntu, permite a creación a un baixo custo de adaptacións específicas do sistema operativo en galego de cara a cubrir necesidades de sectores empresariais concretos como a hostalería, o comercio, a educación, a sanidade ou as aulas informáticas. A través dos dous paquetes cos que liga o metapaquete – paquete araos-g11n, para a galeguización de Ubuntu, e araos-desktop, para a instalación dos elementos gráficos- as persoas desenvolvedoras poden, por exemplo, personalizar doadamente a imaxe gráfica do sistema operativo (logos, iconas, splash…) ou integrar aplicativos específicos para o sector ao que vai dirixido.
Deste xeito, calquera empresa ou institución pode desenvolver, a partir do AraOS, un sistema operativo funcional adaptado ás súas necesidades de uso, pero tamén á súa propia identidade corporativa. Precisamente, o Galinux é froito dun traballo de prototipado destas características.
Do mesmo xeito, o AraOS serviu de base para as instalacións das dúas oficinas informáticas completamente libres da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información: a da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a da Oficina Técnica do PEGSI.
O metapaquete AraOs instala no computador, como predeterminado, o dicionario do corrector ortográfico para galego e os programas Firefox, Thunderbird e OpenOffice.org en galego. O nome AraOS procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o arao (Uria Aalgae) coas siglas OS (Operative System), de acordo coa tradición da comunidade de software libre de identificar Linux cun destes animais.
