Mancomún

Mancomún anima á creación de coñecemento aberto a través do uso dos foros

Martes, 26 Maio 2009

ForosMancomún convida a toda a comunidade galega de software libre a incrementar o valor colaborativo da súa web, participando no intercambio de opinións, experiencias, coñecemento e cuestións a través dos seus foros de dúbidas, abertos á participación de calquera persoa. Con este chamamento o Centro quere incidir na importancia de facer chegar as consultas para o seu persoal técnico a través do uso dos foros, no canto do formulario de contacto.

Os foros de discusión permiten que persoas interesadas nalgún tema particular interactúen favorecendo unha aprendizaxe colaborativa, sobre todo entre persoas que se atopan distantes e que non poden estar conectadas sincronicamente con outras. Pola contra, as consultas que chegan a través do correo resólvense sen xerar debate e cortando a opción do desenvolvemento de coñecemento a maiores.

O foro de Mancomún, accesíbel a través da sección “Obter axuda”, ofrece diferentes categorías nos que encadrar estas consultas. Actualmente atópanse operativos os seguintes tópicos: Localización ao galego de software, Galinux, OpenOffice.org, Software libre no ensino e unha categoría “Xeral” para o resto de cuestións. A actividade nestes foros pode seguirse facilmente a través dos:

RSS Rss dos foros de dúbidas

As preguntas que chegan aos foros de Mancomún son contestadas polo persoal técnico do centro, máis sempre despois dun tempo prudencial que permite a calquera outro membro da comunidade ofrecer unha resposta.

Estas contestacións externas resultan máis enriquecedoras ao abriren o debate con cada unha das reflexións e ao posibilitar o estabelecemento de nexos directos entre os distintos participantes no foro. Deste xeito, a intervención do persoal de Mancomún pode ir máis alá da simple resolución de incidencias, incentivando o diálogo, conducindo as discusións, realizando peches dos debates ou propoñendo liñas complementarias de conversación.

Por outra banda, o sitio de Mancomún facilita tamén a creación de traballo colaborativo ao ligar, a través da sección Comunidade, coas distintas roldas de correo que están operativas na comunidade galega de software libre. As persoas que desexen colaborar directamente neste traballo en comunidade deberán remitírselle directamente a estas roldas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal