Neste senso, GPUL xa recibira anteriormente o apoio da Dirección xeral, a cal se comprometera expresamente a ofrecer plena colaboración aos organizadores no caso de seren seleccionados na candidatura da Coruña como sede para a celebración conxunta dos eventos GUADEC (GNOME) e Akademy (KDE) no vindeiro ano 2009 e que foi concendida, finalmente, ao Cabildo de Gran Canaria.
Mancomún é ademais un dos patrocinadores oficiais do evento en virtude do convenio asinado entre os Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) e a Dirección Xeral.
A inauguración, que transcurriu nun ambiente distendido, contou tamén coa intervención do decano da Facultade de Informática da Coruña, Alberto Valderruten; o coordinador do proxecto KDE en España, Albert Astals; o presidente de GPUL, Francisco Tsao; e como membro da organización da Akademy-es, José Millán. Tratouse dunha breve sesión de carácter informal, na que o Coordenador de Mancomún animou á comunidade de KDE a manter a súa singularidade e a calidade técnica dos seus produtos pedindo un aplauso, que foi amplamente secundado polos asistentes, para o equipo galego de localización en recoñecemento pola súa contribución, que co KDE 4.2 lograra acadar o terceiro posto na lista mundial de equipos de localización, facendo mención especial a Marce Villarino, Leandro Regueiro ou Miguel Branco.
No transcurso do evento abordaranse, dende diferentes perspectivas, aspectos relativos a este sistema de escritorio. Haberá dende charlas divulgativas de nivel de usuario explicando o funcionamento do escritorio e os programas KDE até obradoiros de programación usando as últimas tecnoloxías, pasando por como traducir KDE ao idioma propio.
A contorna de escritorio libre KDE é un sistema moderno de escritorio e multiplataforma (Linux, Mac, Windows…), que inclúe paquetes de ofimática e traballo en grupo, aplicacións web e Intranet, programas multimedia, gráficos educativos, xogos… Esta contorna ten recibido numerosos recoñecementos pola súa calidade en publicacións e a través de personalidades de referencia, especialmente no eido do software libre.
KDE está traducida ao galego grazas ao equipo de localización de Trasno. A este respecto, a vindeira versión KDE 4.2, que sairá previsiblemente a finais de xaneiro, xa está -a día de publicación da nova- traducida nun 96%.
