Mancomún

Mancomún apoiará o traballo da comunidade tradutora fornecendo infraestruturas e servizos

Luns, 12 Maio 2008

http://www.mancomun.org/images/stories/imaxe_corporativa.jpgMancomún promoverá a localización de Software Libre ao galego involucrando ás empresas de localización de xeito consensuado co voluntariado. Búscase deste modo  evitar unha excesiva centralización que puidera comprometer a continuidade dos proxectos de localización a medio e longo prazo.

Esta foi unha das conclusións extraídas da posta en común que tivo lugar durante o encontro “G11n: eu traduzo o teu software ” no que a Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, equiparou a comunidade de tradución de software libre cos precursores da nosa lingua: “Sodes a punta de lanza necesaria para o desenvolvemento tecnolóxico da nosa sociedade, sodes os precursores do século XXI“. 

Ao longo destas xornadas decidiuse empregar unha metodoloxía de localización baseada na implementación dos estándares LISA e tamén encamiñar esforzos de cara a consensuar unha guía de estilo para a tradución de software ao galego…

Empresas, voluntariado e administración pública traballarán conxuntamente para mellorar a calidade do software en galego.

Segundo este procedemento, a empresa que executa o traballo de localización contratado coordínase coa comunidade do proxecto para asegurar a integración da tradución no repositorio canónico. Asimesmo, a empresa comprométese á liberación do coñecemento mediante a  liberación da memoria da tradución, glosarios ou guías de estilo. Este modelo correspóndese co que foi posto en práctica para a tradución do GNOME 2.16.

Outro dos aspectos destacados ao longo das xornadas foi o lingüístico. Os asistentes coincidiron en sinalar a necesidade de establecer unha guía de estilo consensuada e facilitar o acceso aos recursos lingüísticos desenvolvidos ou mantidos con cartos públicos que faciliten a labor de tradución ao voluntariado e promovan a posta en marcha de ferramentas lingüísticas das que depende o futuro da nosa lingua.

O rol de mancomún: facilitador 

Para acadar estes obxectivos, Mancomún actuará como axente dinamizador mais non como elemento centralizador.  Deste xeito, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre fornecerá de infraestruturas e servizos á comunidade, actuará como intermediario na consecución de liberación de coñecemento por parte da empresa e entidades públicas, supervisará a calidade das traducións e facilitará os mecanismos precisos para a replicación da información xerada en previsión de eventos involutivos.

Noutro dos ámbitos, Mancomún traballará por unha maior repercusión do SwL fóra da comunidade xa existente. Promoveranse iniciativas de formación e difusión de localización co fin de dar a coñecer ao resto da sociedade o labor realizado pola comunidade de tradución ao galego de aplicacións libres.

Mancomún, como punto visible de unión entre todos os axentes integrantes da comunidade de tradución de SwL en Galiza, comprométese a perpetuar a dinámica de traballo conxunto e coordinado a través da rolda pública ou promovendo sesións de traballo interno.

Máis información no wiki do evento

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal