Mancomún

Mancomún aposta polo Software Libre como base do goberno electrónico na Unión Europea

Mércores, 7 Maio 2008

O coordinador de Mancomún, Xesús M. Benítez Baleato, participou en Bruxelas no encontro europeo “Construíndo unha Europa Dixital”

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, vén de participar no encontro europeo “Construíndo unha Europa Dixital”, que tivo lugar o pasado día 6 de maio en Bruxelas e ao que acudiu o coordinador do centro, Xesús M. Benítez Baleato, en calidade de membro do Grupo de Expertos do IDABC.

Mancomún participou deste encontro, organizado pola Dirección Xeral da Sociedade da Información da Comisión Europea, como único proxecto do Estado presente e co propósito de achegar o seu asesoramento en materia de tecnoloxías e estándares abertos ao proceso de construción da Europa comunitaria.

O debate xirou entorno ao grao de implantación na que se atopa a Directiva Servizos da Unión Europea, así como nas expectativas existentes de cara ao cumprimento dos obxectivos marcados polo Tratado de Lisboa. Estas cuestións serán, precisamente, as que senten as bases da estratexia política da Comisión Europea de cara ao ano 2020.

A intervención de Mancomún no encontro centrouse, dende unha perspectiva máis técnica, na importancia de apostar pola interoperabilidade dos sistemas administrativos como forma de superar a gran barreira existente para a movilidade de mercancías, servizos, persoas e diñeiro, o cal conleva custos significativos das transaccións para toda a actividade transfronteriza, perpetuando o estancamento da situación de crecemento económico potencial.

A este respecto, Baleato incidiu na necesidade de aprofundar na interoperabilidade como facilitador da posta en marcha de servizos panaeuropeos de goberno electrónico e de aproveitar as vantaxes que fornece o Software Libre (FLOSS) para o mesmo.

Así mesmo, o coordinador de Mancomún avogou por basear estes servizos nunha arquitectura substentada nun modelo federal ou confederal que “facilite a participación das rexións, neutralizando os conflictos que poderían actuar como inhibidores en caso de estados plurinacionais como o estado español ou Gran Bretaña”.

A presenza de Mancomún no encontro continúa a consolidar o papel do centro como axente de referencia en Europa e o seu peso na definición das políticas futuras polas que se rexirán todas administracións comunitarias.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal