- O Galinux será o protagonista indiscutíbel do expositor de Mancomún: repartiranse máis de 6000 unidades, así como material promocional asociado a este sistema operativo libre e en galego
- Unha reprodución xigante da mascota do Galinux presidirá o posto facendo a delicia de grandes e cativos
A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da man do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, disporá dun espazo propio na zona de acceso libre do Xuventude Galiza Net para dar a coñecer o seu traballo e as vantaxes do software libre a todas as persoas que se acheguen ao maratón informático.
Repetindo a mesma estrutura que tan bos resultados deu na pasada edición do XGN e na Conferencia Internacional de Software Libre (CISL) en Málaga, Mancomún compartirá a súa caseta de exposición con todos os axentes da comunidade galega de software libre. O espazo destinado a estes presentarase baixo o mesmo lema co que xa o fixera anteriormente: “Co Software Libre xogamos todos en Galiza”. Esta estrutura e esta campaña, permitiulle a Mancomún sorprender na CISL, expoñendo unha estrutura colaborativa pouco común no resto de comunidades e coa cal conseguiu atraer a un gran número de interesados.
Tanto o posto da Dirección Xeral como o dos axentes -primordialmente, Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL)- terán como obxectivo fornecer un espazo que facilite a loxística interna; que permita a difusión de todas as actividades/materiais que se están a facer no eido do software libre; pero, e o que é máis importante, que visibilice o apoio institucional ao software libre a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.
Galinux no XGN
A caseta da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información no XGN terá como protagonista indiscutíbel ao Galinux. Este completo sistema operativo libre e en galego, desenvolvido por Mancomún, despregará toda a súa imaxe gráfica para atraer ao maior número de xente posíbel a coñecer as vantaxes deste sistema e, consecuentemente, de todos os aplicativos de código aberto. En total repartiranse máis de 6000 exemplares, así como outro material promocional asociado a este.
Seguindo esta liña temática, o fondo do stand centrarase, pois, no Galinux e na súa mascota, AraOS, co que se reforza a campaña de medios que se lanzou durante o mes de febreiro. Ademais, unha reprodución xigante da mascota (2,5 metros de alto) presidirá constantemente o posto, para facer as delicias de grandes e cativos.
Outra iniciativa para a promoción do Galinux será o concurso de vídeo “Eu son un Galinux” e que se integrará como apartado dentro da proposta de vídeo-creación promovida dende a organización do XGN.
O concurso, segundo a iniciativa realizada pola Linux Foundation, convoca a calquera participante no Xuventude Galiza Net a ofrecer a súa particular visión dos anuncios televisivos “Eu son un Mac, eu son un PC” de Apple, aos que agora se engadiría o terceiro participante “Eu son un Galinux”.A idea é promocionar o uso do Galinux sinalando o que esta distribución significa para os que a coñecen, ao tempo que permita inspirar a moitos a probala. Sirvan de exemplo traballos que, con maior ou menor calidade, están causando sensación na rede: “Que é o software libre?“, “Son un pc e uso Linux” (rodado durante a CISL 08 e seleccionado como un dos sete mellores vídeo do concurso da Linux Foundation)…
Asemade, habilitarase no propio posto varios computadores con xogos libres e un servidor de descargas dos mesmos aplicativos.
