Mañá sábado comezan en Santiago as xornadas “G11n: eu traduzo o teu software”, que reunirán aos membros máis activos da comunidade tradutora de software libre ao galego
Mancomun.org, a iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria para a difusión do Software Libre (SwL) e dos estándares abertos, celebra o seu segundo aniversario superando con creces os logros acadados no seu primeiro ano de existencia. Coincidindo con esta data sinalada, Mancomun.org reunirá aos membros máis activos da comunidade tradutora de software libre ao galego no evento “G11n: eu traduzo o teu software” co propósito de xuntar esforzos e consensuar melloras no proceso.
O proxecto da Consellaría, promovido a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, viu modificado este ano os seus ámbitos de actuación, cun incremento dos mesmos a raíz da conversión a principios deste ano no novo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza. Este centro terá como misión fornecer recursos e servizos que promovan a implantación do SwL co propósito de fomentar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galiza. A súa actividade, segundo esta idea, orientaranse en sete liñas: tradución de software, dinamización das tecnoloxías abertas en contornos empresariais e universitarios, implantación de software libre, apoio á formación, difusión e actuacións de soporte técnico.
Con estes obxectivos de fondo, Mancomun.org conseguiu neste segundo ano de existencia duplicar a presenza do software libre no ámbito da PEME e triplicala no sector educativo, constatándose ademais un incremento no ámbito doméstico. Este incremento púxose de manifesto coa publicación no mes de abril dos informes sectoriais comparativos do uso do Software Libre en Galiza.
