Mancomún

Mancomún coordinará as actividades relacionadas co SwL no Xuventude Galiza Net 08

Martes, 11 Marzo 2008

http://www.mancomun.org/images/banners/xgn08.gif O Software Libre terá presenza nesta edición do Xuventude Galiza Net a través das Asociacións de Software Libre de Galiza (GULS). Os GULs galegos terán presenza tanto na Intranet do evento, cun área adicada exclusivamente ao software libre, como na Extranet, ubicada na entrada do Palacio de Congresos e Exposicións, e onde habilitaremos un expositor de grandes dimensións que servirá como punto de encontro do Software Libre do evento. Alí estarán os GULs amosándonos os seus proxectos e os máis novidosos escritorios, haberá información xeral sobre o Software Libre no evento e tamén haberá demostracións de aplicacións, mini-relatorios, e presentacións breves.

Tamén haberá unha programación de obradoiros nos que se poderán construír robots, actualizar blogues empregando o móbil ou aprender a traducir programas de ordenador. Para complementar esta programación celebraremos mesas redondas sobre reciclaxe de ordenadores coa colaboración do GRUVI da Universidade de Vigo e tamén sobre emprego e software libre coa participación de AGASOL, Asociación Galega de Empresas de Software Libre.

As actividades de software libre incluirán obradoiros, relatorios e un gran reto: Tentar conseguir traducir ao 100% a futura interface do OpenOffice.org 3.0 usando a aplicación web http://entrans.mancomun.org.

Para iso, e durante o venres e máis o sábado ofreceremos demos e información no expositor de como participar no reto. Xa durante todo o día do sábado, todo aquel usuario que queira, poderá rexistrarse na aplicación e comezar a traducir. As traducións admitidas serán aquelas recibidas durante as 24h do sábado. Ao finalizar o reto, sortearanse diversos premios entre os participantes (ver condicións na web de Xuventude Galiza Net).

O programa de actividades poderá ampliarse a medida que se aproxime o evento; mais polo de agora comprende as seguintes actividades confirmadas:

  • Obradoiros:

    • Blogaliza: Venres ás 18:00h impartido por Goretoxo de Blogaliza

    • Robótica: Sábado ás 12:00h e 18:00h, domingo ás 13:00. Impartidos por AULUSC

    • Tradución: Sábado ás 16:00h. Impartido por Glug e Trasno

  • Relatorios:

    • Emprego e Software Libre: Sábado ás 12:00h impartido pola Asociación de empresas Galegase SOftware Libre (AGASOL) e coa participación de Ultreia, Imaxin Software, Bora Telecom e Inforede.

    • Reciclaxe de hardware: Domingo ás 12:00h. Impartido por GALPon e o Gruvi.

Máis información na web do Xuventude Galiza Net 2008:
http://www.xuventudegaliza.net/galego/index.php

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal