Mancomún

Mancomún coordinará en Málaga á comunidade galega de SwL na OSWC'08 en Málaga

Xoves, 16 Outubro 2008
  • A delegación galega que se desprazará até o evento contará coa participación de empresas a través de Agasol, membros dos GGUL e das recentemente creadas oficinas universitarias de Software Libre.
  • O evento reunirá en Málaga entre os días 20 e 22 de outubro a todas as personalidades do ámbito do Software Libre  

CISLO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún -promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria– participará a vindeira semana en Málaga no Congreso Internacional de Software Libre 2008 co propósito de achegar a toda a comunidade internacional os logros acadados pola Administración galega en materia de tecnoloxías e estándares abertos.

Neste senso e dado o recoñecemento e as expectativas que Mancomún está a espertar en toda Europa e Latinoamérica, a Dirección Xeral promoveu nesta edición a coordinación dunha delegación galega que asistirá ao evento e que, xunto con Mancomún, estará integrada polos distintos axentes implicados na comunidade de Software Libre en Galiza: Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) e as oficinas das universidades de SwL.

Deste xeito, a comunidade galega de Software Libre asistirá ao evento de xeito unificado e baixo a coordinación do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, quen compartirá o espazo do stand asignado pola organización á Xunta de Galicia co resto de axentes. Neste contexto, e baixo o lema “Co software libre xogamos tod@s en Galiza”, serán un total de 15 persoas as que participen das actividades previstas por Mancomún, así como pola propio programa do evento.

Entre os proxectos que o centro exporá na conferencia estarán o “DVD de ferramentas informáticas para a PEME ” ou o informe de “O Software Libre en Galiza 2007”. Asemade amosaranse os progresos acadados no ámbito galego coas medidas adoptadas no marco do Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI).

Xa dentro do programa oficial do evento, a Administración galega ofrecerá dous relatorios, que terán lugar, ámbolos dous, o martes 21 de outubro. O primeiro deles, denominado “DVD PEME: un caso de dinamización do tecido TIC mediante o Software Libre”, será impartido polo coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, e versará sobre o recopilatorio de ferramentas informáticas para a PEME. Nesta presentación, Baleato analizará os resultados positivos obtidos con este proxecto no marco do tecido empresarial TIC galego.

Por outra banda, o Subdirector Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Rafael I. Juanatey, intervirá na sesión “Iniciativas Institucionais: estratexias”, na que, compartindo mesa con outros representantes autonómicos exporá a situación do Software Libre en Galiza.

Xa como iniciativas individuais, Roberto Brenlla e Claudio F. Filho, participantes xunto coa delegación galega, impartirán os relatorios “Software Libre desde Galiza coa Lusofonía” e “A sostenibilidade de proxectos de código aberto- caso BrOffice.org” respectivamente.

Os GGUL, Agasol e as oficinas universitarias de Software Libre aproveitarán para expoñer os seus respectivos proxectos. Cada un destes axentes acudirán ao evento grazas aos convenios de colaboración asignados pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, por iniciativa de Mancomún, tanto cos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) , como coa Asociación Galega de Empresarios de Software Libre (Agasol) ou coas tres universidades galegas .

Conferencia Internacional de Software Libre 2008

A Conferencia Internacional de Software Libre (OSWC), na súa quinta edición, tense convertido no evento de maior relevancia sobre tecnoloxías abertas en España e en Europa e en cita obrigada para calquera persoa vencellada ao mundo do Software Libre.

Nesta ocasión, a organizacion do congreso conta con reunir no Palacio de Exposicións e Congresos de Málaga, nun espazo de 4.000 metros cadrados, a máis de 6.000 asistentes e a 250 relatores de nivel internacional, entre eles organizacións e institucións públicas como Mancomún, pero tamén entidades do mundo da empresa, a universidade, a comunidade de desenvolvedores, e usuarios a nivel particular.

Esta conferencia preséntase de cara ás Administracións Públicas como unha grande oportunidade para dar a coñecer os seus proxectos e as súas accións estratéxicas en materia de estándares e tecnoloxías abertas para o futuro.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal