Un ano máis, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre asumirá os labores de coordinación de todas as actividades relacionadas coas tecnoloxías e os estándares abertos que teñan lugar no transcurso do Xuventude Galiza Net, a maior maratón informática de Galiza que se celebrará entre o 3 e o 5 de abril. Esta iniciativa será posible grazas ao convite da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, do cal Mancomún quere facer partícipe á toda a comunidade de desenvolvemento galega de software libre, erixíndose como canalizador das propostas achegadas.
Todos os axentes integrantes da comunidade, tanto a título indiviual, de asociación ou de empresa, poderán propoñer actividades que polas súas características e polo seu interese teñan cabida no programa da nova edición do Xuventude Galiza Net.
As suxestións deberán ser enviadas antes do 15 de febreiro ao enderezo eventos @ mancomun.org cos seus detalles e coa indicación do tipo de actividade: obradoiro, relatorio, actividade no posto de Mancomún, actividade na LibreZona ou outras. A maiores, Mancomún está a manter actualizado un wiki no que se irá dando conta de todas das novidades que se produzan en volta do evento.
Na anterior edición do encontro, a posta en práctica deste sistema de organización colaborativa permitiulles aos membros da comunidade, pero especialmente aos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GUL), adquirir un gran protagonismo a través da exposición dos seus proxectos. Outras das iniciativas con especial interese foi o reto para a tradución ao 100% da interface do OpenOffice.org 3.0.
A maior party galega cumpre 10 anos
Xuventude Galiza Net 09 é un dos maiores xoldras informáticas celebrados en Galiza e un ha das máis sobranceiras a nivel europeo. Promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, o maratón informático celebra o seu 10º aniversario agardando recibir a preto de 10.000 visitantes, dos que 2.000 vivirán a experiencia como participantes na propia intranet.
A décima edición do XGN terá lugar os días 3, 4 e 5 abril e, como novidade, trasladará a súa localización ás instalacións do Multiusos Fontes do Sar en Santiago de Compostela, onde se permitirá aumentar o aforo previsto en anteriores convocatorias, celebradas no Pazo de Congresos.
Aínda que o programa permanece aberto, os organizadores xa anuncian no seu web que este ano a party “virá con moitas novidades”. Entre elas, ademais do cambio de local, ampliarase o límite de idade, que se establece entre os 16 e os 35 anos.
Asemade, os usuarios que se rexistraron na web para asistir á edición do pasado ano, este ano terán garantida a súa praza sempre e cando activen a antiga conta en “alta usuario” e realicen o pagamento correspondente antes do vindeiro 31 de xaneiro.
